![](https://cflvdg.avoz.es/sc/GKO0ATuIuTNX8B_31gjeQu9BKi4=/480x/2019/05/29/00121559145988062256539/Foto/comboavelino.png)
Unha asociación leva anos na procura dun Día das Letras para Avelino Díaz, poeta da emigración
30 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Se o Día das Letras Galegas serve para lembrar figuras coñecidas ou para dar sona a un personaxe falto de difusión, hai veces en que a elección pode outorgar una gloria efémera ou un prestixio xusto a quen se atopa aínda no esquecemento. Ese sería o caso de Avelino Díaz (1897-1971), cuxa vida discorreu maioritariamente na emigración a América. A súa obra está a ser divulgada nos últimos anos, nos que unha asociación que leva o seu nome e que traballa nos concellos de Meira e de Riotorto loita con entusiasmo para que a Real Academia Galega o designe protagonista dun 17 de maio.
Avelino Díaz naceu na parroquia riotortense da Órrea. Na nenez trasladouse a Meira, pero sendo aínda un rapaz emigrou a Arxentina. Volveu á vila meirega anos despois, pero non tardou en coller de novo, desa vez sen volta, o camiño da emigración. Marchou a Cuba e logo a Arxentina, onde escribiu a súa obra.
A devandita asociación vén de pedir outra vez que a Real Academia Galega lembre a Avelino Díaz e o escolla como figura do Día das Letras Galegas do 2020. A súa condición de emigrante é precisamente unha das razóns salientadas como importantes, pois considérase que así se rendería homenaxe á Galicia da diáspora e de emigración.
Dous poemarios
Díaz publicou en vida dous libros en galego -Debezos e Pallaregas- e un en castelán -Flor de retama-, e a súa a obra é practicamente descoñecida en Galicia por terse escrito e editado en América. Un Día das Letras Galegas, segundo entende a asociación, permitiría espallar esa obra, pero tamén localizar e publicar a parte da súa produción literaria aínda inédita. Os números axudan a explicar esa cuestión: calcúlase que a súa produción literaria cuxo paradoiro se descoñece está formada por 851 poemas dentro dun conxunto que suma 1.178.
O único prestixio que por agora se lle recoñeceu é o de ser autor do primeiro poemario escrito en galego despois da Guerra Civil: o seu libro Debezos (1947) saiu do prelo vinte días antes ca Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño, libro ao que durante anos se lle asignou esa condición. Os trazos da súa vida e da súa obra, afastadas da terra natal, influíron sen dúbida nesa situación. Porén, a asociación cre que un Día das Letras non só axudaría a dar máis difusión á súa produción poética, senón que asemade sería un recoñecemento aos que na emigración e no exilio mantiveron acesa a chama da cultura galega.
Preto de Castelao
Polas condicións da súa vida, a formación de Díaz ten una base máis autodidacta ca académica, o cal non lle impediu acadar un amplo protagonismo social e político en Arxentina. O fondo documental da Asociación Cultural Avelino Díaz inclúe imaxes nas que o poeta aparece participando en actos con Castelao, co que mesmo chegou a compartir outra proximidade: foi enterrado no panteón do Centro Galego de Bos Aires, preto de Suárez Picallo e do autor de Sempe en Galiza.
Edificios co seu nome na terra que o viu nacer
O labor da Asociación Cultural Avelino Díaz xa ten dado algúns froitos na terra onde o poeta naceu e pasou a nenez e parte da mocidade. A casa da cultura de Riotorto e o colexio público de Meira levan o nome do escritor, e por lugares deses dous concellos discorre un roteiro inspirado na súa figura. A devandita asociación xa organizou varios recorridos pola zona. Por outra banda, familiares de Avelino Díaz visitaron no ano 2015 Meira e Riotorto, onde coñeceron lugares nos que vivira o escritor, e foron recibidos por autoridades deses dous concellos.