![](https://img.lavdg.com/sc/9wu3iZDKRBZJWG91HMjUJgDl4Ug=/480x/2019/08/03/00121564864801906363839/Foto/VG4C10F2_223852.jpg)
O actor moañés faleceu vítima dun cancro no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
04 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.«Os monólogos son un reto, un pracer e unha necesidade», recoñecía Celso Parada nunha das súas últimas entrevistas publicadas en La Voz de Galicia. E foi sobre os escenarios dos teatros, moitas veces en solitario, onde desenvolveu gran parte da súa vida, aínda que tamén tocou os paus da televisión e o cine.
A noite do pasado venres falecía no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo aos 61 anos de idade a consecuencia dun cancro. Axiña correu a noticia entre a xente do teatro de Galicia, non en balde vaise unha das grandes personalidades da escena galega e unha persoa moi querida no eido da cultura. «Grande actor, bo amigo, entrañable compañeiro e incansable loitador polo teatro e a lingua», dicía Carlos Blanco nas redes sociais. «Que tristeza! Grande como actor, pero moito máis grande como persoa», engadía Xosé A. Touriñán. «Unha referencia do teatro galego, descanse en paz», afirmaba Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura. «Parada é unha das figuras máis salientables da xeración que deu inicio ao teatro galego profesional», sinalan dende a Revista Galega do Teatro, un dos foros nos que participou activamente.
Celso Parada naceu na vila de Moaña, pero afincouse na veciña Cangas, onde foi profesor tras licenciarse en Filoloxía Galego-Portuguesa. Foi un ámbito moi satisfactorio para o actor xa que tamén lle permitiu levar a docencia a adultos e emigrantes nun centro educativo da cidade de Vigo.
Pero a paixón de Celso Parada era a interpretación, para o que se formou xunto a figuras como Ryzard Cieslak, Etelvino Vázquez ou Victor Rotelli. A finais dos anos oitenta, xunto a Isabel Ávila, fundou a compañía Teatro do Morcego. «Pasamos de facer obras con 17 actores a producións pequenas. Nas circunstancias actuais, tal como está o teatro galego, vamos a montaxes para levar a todas partes. É un paso atrás que por outra banda te devolve á esencia», dicíalle a La Voz en outubro do 2017 para explicar os cambios experimentados pola súa compañía co paso dos anos.
A Mostra de Cangas exhibiu até o pasado 31 de xullo unha exposición que celebraba o trixésimo aniversario da compañía Teatro do Morcego.
A súa traxectoria teatral foi recoñecida polos Premio María Casares; o Xograr de Outono do Festival Outono de Teatro de Carballo; o Premio Roberto Vidal Bolaño; e o pasado mes de marzo, Celso Parada foi nomeado Académico de Honra pola Academia Galega de Teatro.
Nunha faceta máis popular, a centrada nas televisións, o actor do Morrazo participou en series, como Mareas vivas, Libro de familia e Pratos combinados ou, máis recentemente, en Fariña. O cine tamén foi un escenario onde Parada levou o seu saber interpretativo, e participou en producións como O lapis do carpinteiro ou A praia dos afogados. O intérprete moañés interpretou ao famoso produtor vigués Cesáreo González, dono de Suevia Films, na película que dirixiu Miguel Hermoso sobre a vida de Lola Flores.
Así que vaise un dos grandes persoeiros da recuperación do teatro galego nestas últimas décadas.