O «puzzle» galego dos 662 concellos

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

No Couto Mixto os veciños tiñan dereitos singulares
No Couto Mixto os veciños tiñan dereitos singulares Miguel Villar

A cartografía de Galicia a mediados do século XVIII elaborada polo investigador Rubén Castro amosa uns señoríos, provincias e reino con fronteiras descontinuas

06 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Irrecoñecible. O mapa dos concellos galegos de hai 266 anos pouco ten que ver co actual. «Territorialmente cambiaron todos», afirma o investigador Rubén Castro Redondo (Begonte, 1987), que cartografiou os seus límites tomando como referencia a información administrativa do Catastro de Ensenada para o Reino de Galicia (1749-1753). A mudanza vai moito máis alá da redución en número, ao pasar de 662 a 313. O máis significativo «é que eses señoríos eran descontinuos, non como hoxe que os concellos son compactos. Visualmente, serían como illas. Unha parroquia podía pertencer a un concello e todas as que lindaban con ela, a outro. As partes estaban separadas».

Esa distribución irregular repercute nas fronteiras das provincias e na do Reino de Galicia. Un dos señoríos que a mediados do XVIII estaba fraccionado era o de Valdeorras. A súa parroquia de San Miguel de Biobra estaba rodeada doutras de León. «Os seus veciños, a pesar de pertencer a Galicia, tiñan que atravesar territorio leonés para pagar impostos», detalla Rubén Castro, que actualmente está na Université París 1 Panthéon-Sorborne como investigador posdoutoral da Xunta.

Pero esta illa galega en territorio leonés non é o único cambio da fronteira. A Galicia actual esténdese sobre algunhas parroquias que en 1953 pertencían a León, como Lardeira e Casaio, no actual Concello de Carballeda de Valdeorras; así como San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras. Ademais, destaca Castro, «o actual concello de Rubiá era case todo leonés».

Na fronteira con Portugal tamén houbo variacións. Este é o caso de Couto Mixto e os Pobos Promiscuos. No caso dos últimos -Cambedo da Raia, Soutelinho e Lamadarcos-, todos os lugares eran da mesma parroquia, pero algúns estaban na parte galega e outros en Portugal, «co problema que podía significar isto en momentos de guerra entre os dous países ou á hora de pagar impostos». En Couto Mixto «o que pasaba era que os seus veciños tiñan dereitos singulares, como non pagar certas contribucións, estar amparados para que ningunha xustiza entrase en dito concello e, sobre todo, porque os propios veciños podían elixir a que monarquía vincularse». Esta situación prolongouse moito máis alá da Idade Moderna e non foi ata o Tratado de Lisboa, no ano 1864, cando se lle puxo fin a esta situación, de xeito que os tres Pobos Promiscuos pasaron a Portugal e Couto Mixto formaba parte de Ourense.

O investigador Rubén Castro Redondo
O investigador Rubén Castro Redondo SANDRA ALONSO

«Moitos destes cambios significativos xa están estudados, pero agora coa cartografía coñecemos a súa disposición territorial», explica o autor da publicación Cartografía digital de Galicia en 1753: jurisdicciones, provincias y Reino (Andavira), un traballo que viu a luz en maio e xa vai camiño da segunda edición tras esgotar a primeira. Ademais, está acompañada dunha páxina web aberta ao público, que supera as 11.000 visitas. «Academicamente, ten o seu interese porque é unha ferramenta nova para poder traballar con mapas antigos. Para o público xeral, permítelle coñecer a onde pertencía a súa parroquia, quen era o seu señor...», sinala Castro, que indica que tanto el como a profesora da USC Ofelia Rey -autora do prólogo do libro- tiñan clara esta aposta pola difusión. 

Vincular 3.600 parroquias

Detrás tanto do libro como da ferramenta dixital -unha iniciativa pioneira en España- hai catro anos de traballo. Que foi o máis complicado á hora de elaborar este mapa de 1753? «A maior dificultade é a cantidade de termos porque Galicia no século XVIII tiña 3.600 parroquias. Hoxe ten o mesmo número, pero non son as mesmas. Algunhas dividíronse e outras xuntáronse», explica o autor. A iso hai que engadirlle que había que facer a relación destas unidades cos concellos «e eran máis do dobre ca hoxe». Ademais, non todo a mesma parroquia pertencía ao mesmo señor. «Iso creou un puzzle de moitas pezas», di o investigador. 

Castro explica que «aínda que Galicia medrou en extensión» respecto a hai máis de 250 anos, os límites non variaron moito. «Pero dentro si. Facendo as contas é fácil visualizalo. Hoxe hai 313 concellos e antes eran 662. As provincias pasaron de sete a catro. A cartografía, ademais, é totalmente diferente. Non só polo número, senón porque a forma dos concellos é completamente distinta», sentencia o investigador, que agradece a colaboración ao resto dos compañeiros dun proxecto de investigación financiado polo Ministerio de Ciencia co que conseguiron recursos para elaborar todos estes datos e que a publicación vise a luz.

Valladolid, unha «oitava» provincia na Idade Moderna

O mapa galego de mediados do século XVIII non solo tiña diferenzas nas fronteiras respecto ao actual tanto nos seus lindes con León como con Portugal. Hai máis. «Unha parte non pequena, do que hoxe é a zona de Viana do Bolo e A Mezquita, pertencía á provincia de Valladolid. Así que Galicia, ademais de ter as sete provincias do Antigo Reino, das que sempre se fala, tiña un anaco dunha oitava», afirma Rubén Castro. Así, os habitantes destes señoríos «eran galegos porque vivían dentro dela, pero, fiscalmente, cando tiñan que pagar impostos, en lugar de ir a unha das sete cidades galegas, ían directamente a Valladolid.

En contra do que se poida pensar, segundo apunta o doutor en Historia Moderna, o feito de que os concellos e as provincias fosen descontinuas non supoñía ningunha dificultade para os veciños de entón. «En realidade, non representaba ningún problema xa que cada quen sabía ben a que concello pertencía e, polo tanto, a onde tiñan que acudir para calquera problema xudicial e a quen pagar os dereitos señoriais ou locais», sinala. 

Lugo, o máis grande

Lugo atesouraba a mediados do século XVIII o título do concello máis grande de Galicia sumando ata noventa parroquias. Un título que na actualidade ostenta A Estrada, «que non existía na Idade Moderna, nin como vila nin como concello. As súas parroquias naquela época pertencían a diferentes señoríos». Pero se Lugo era o máis grande en territorio, o señor de Galicia por aquel entón era o arcebispo de Santiago, pois del dependían múltiples concellos.

Castro destaca que en Galicia, a diferenza doutros territorios do resto da Coroa de Castela, «no 90 % dos concellos non está á fronte un representante do rei, senón un señor particular». Así, dos 662 concellos, uns seiscentos tiñan á fronte deles nobres, eclesiásticos ou mosteiros.