Laxeiro, visto por Laxeiro

Xesús Fraga
x. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle de dous autorretratos, datados en 1930 (dereita) e 1948
Detalle de dous autorretratos, datados en 1930 (dereita) e 1948 david mecha | fundación laxeiro

A fundación do pintor reúne nunha mostra en Vigo 18 autorretratos que testemuñan a súa evolución como artista xunto coa interpretación da súa propia imaxe

30 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Son eu». Con estas dúas palabras, escritas nalgúns dos seus cadros, Laxeiro deixaba claro ao espectador que a figura retratada era o propio artista, ademais de reafirmarse e recoñecerse na representación pictórica do lenzo. Unha representación que o captura en distintos momentos vitais e estéticos, testemuñando deste xeito como se vía Laxeiro a si mesmo e para amosarse aos demais, así como a súa propia evolución.

Esas transformacións quedan patente na exposición que se titula precisamente Son eu e que, comisariada por Carlos L. Bernárdez, reúne 18 autorretratos -todos os coñecidos ata o de agora- de Laxeiro na sede viguesa da fundación que leva o seu nome. Dende este venres e ata o vindeiro 17 de maio a mostra ofrece un percorrido inserido nos fondos permanentes da entidade, á que pertencen cinco das obras. Entre as trece restantes figuran algunhas que nunca se expuxeran antes ou que pertencen a coleccións privadas de fóra de Galicia. É o caso, por exemplo, dun autorretrato datado en 1948, na colección BBVA. Trátase dunha peza que ilustrou a primeira monografía do pintor, asinada por José Ruibal e editada por Cuadernos de Arte Gallego en 1951. Son eu tamén permite volver a ver unha acuarela de 1930: a última vez que fora exposta foi en 1996, nunha gran retrospectiva que o CGAC e o centro Conde Duque de Madrid lle dedicaran a Laxeiro.

Outros dous autorretratos de Laxeiro, de 1952 (esquerda) e 1977
Outros dous autorretratos de Laxeiro, de 1952 (esquerda) e 1977 fundación laxeiro

Dunha data próxima, 1932, procede outro autorretrato, feito a tinta, pero que se ten que ver nunha reprodución -Laxeiro fíxoo para o xornal El Pueblo Gallego, que o publicou en novembro de 1932-, xa que o orixinal está desaparecido. Uns anos despois, durante a guerra e destinado á fronte de Asturias, o artista se debuxou a si mesmo con lapis e papel. A este mesmo período pertence outro autorretrato, pintado entre 1934 e 1935 con óleo sobre cartón, e que se enmarca na chamada «estética granítica» que practicaba Laxeiro naquela altura; a obra permite apreciar a sintonía do artista coas vangardas internacionais do seu tempo.

Dos fondos da colección da Fundación Laxeiro a mostra -organizada coma un xogo para que o espectador vaia atopando os autorretratos no percorrido pola exposición permanente da entidade- están incluídas obras como a que o artista pintou en 1936, amosándose de esguello e recoñecendo a influencia de Rembrandt, ou outra, feita sobre cartón apenas dous anos antes, na que elixe verse coma se fose un adolescente. Outra peza clave é un autorretrato de 1952, co que Laxeiro, instalado en Bos Aires, inaugura o seu período informalista. Da súa disposición cronolóxica agroma unha visión xeral da concepción do pintor das súas creacións, unha viaxe da figuración ao terreo do abstracto.