O espectáculo «Liberto», de Marelas Producións, favorita nos premios de teatro María Casares

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

«Liberto», montaxe da compañía Marelas Producións, aspira a sete galardóns nos María Casares
«Liberto», montaxe da compañía Marelas Producións, aspira a sete galardóns nos María Casares

As montaxes «Bernarda», de Malasombra, e «Fariña», de Ainé Producións, Undodez e Oqueteño Media, compiten en cinco candidaturas cada unha

26 feb 2020 . Actualizado a las 21:01 h.

A montaxe Liberto, que adapta un texto da actriz e dramaturga catalá Gemma Brió, da man da compañía Marelas Producións, eríxese como favorita na 24.ª edición dos premios de teatro María Casares ao aspirar a sete estatuíñas (espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actriz secundaria, iluminación e música orixinal). Tras esta obra sitúanse Bernarda -de Malasombra- e Fariña -de Ainé Producións, Undodez e Oqueteño Media-, que compiten en cinco candidaturas. As tres producións pugnarán ademais polo galardón principal, o de mellor espectáculo.

Segundo se deu a coñecer este mércores en Santiago, na festa de finalistas, no Auditorio de Galicia, ata 16 obras loitarán por facerse con algún dos 14 premios que estarán en xogo na gala dos María Casares, que promove a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende 1997 e que se celebrará o 26 de marzo na Coruña, no teatro Rosalía Castro.

As montaxes Cartoóns, de Producións Teatrais Excéntricas; Lambetadas, de Talía Teatro, e Ummm!! Unha comedia musical… para chupar os dedos, de Teatro Avento Producións, competirán polo premio da categoría de mellor espectáculo infantil.