Volve Álvaro Cunqueiro

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

26 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

volve cun volume de textos que os seus lectores, os vellos e os novos, agradecerán: Artículos periodísticos (1930-1981). Publícaos a Biblioteca Castro (Madrid), unha colección que edita con rigor as voces literarias españolas máis prestixiosas de onte e de hoxe. Un ilustre estudoso do feito literario, o profesor Darío Villanueva, é o director académico da Biblioteca. O presente volume, impreso en febreiro deste ano, ten como editor literario a un experto cunqueirólogo, Miguel González Somovilla, responsable, na mesma colección, de dous volumes que acollen as páxinas en castelán do autor nos eidos da narrativa, da poesía, do teatro e das «semblanzas». Neste labor contou, para a revisión textual, coa colaboración do profesor Xosé M.ª Dobarro Paz. Na presente colectánea, González Somovilla regálanos unha utilísima cronoloxía do escritor.

O editor literario titula este volume de 200 artigos e 723 páxinas Al pasar de los años, que é o título dun artigo de Cunqueiro publicado no Faro de Vigo, na sección El envés, en 1964. É nese artigo onde o escritor Álvaro Cunqueiro define con precisión a condición dos seus lectores, polo menos dos seus lectores máis atentos: «Yo digo mi canción a aquel que conmigo va». Son as palabras, minimamente modificadas, que finalizan, en dous versos, un dos máis fermosos romances vellos, o do Infante Arnaldos. É difícil, en calquera literatura do mundo, atopar un escritor que faga, dos seus lectores, devotos tan esenciais. Eu lin, abrindo o libro ao chou, páxinas que xa lera, na prensa de hai anos, coa mesma fruición. Porque o volume recolle, de revistas e xornais, textos de moi diversa procedencia, bastantes, moi significativos, publicados por primeira vez en La Voz de Galicia. O editor literario ofrécenos nun Epílogo dous textos sobre Cunqueiro que non carecen de pedagoxía: unha entrevista de Francisco Umbral, de 1969, e un artigo de Francisco Carantoña, de 1982. Na colaboración de Umbral -co gallo do Premio Nadal por Un hombre que se parecía a Orestes-, o arriscado xornalista proclama: «En América sería Borges. En Europa sería Andersen. En España dirige un periódico para vivir. Nunca aprenderemos a valorar a nuestros escritores con menos de un siglo de retraso».

Acóllome a Francisco Umbral para suxerir que Cunqueiro, con letraferidos que non son multitudes, é xa un dos grandes no exercicio e no oficio de escribir, da invención e da creación de mundos con palabras insubstituíbles. Por se fose pouco, nestes douscentos artigos, percíbese ben o que xa se sabía: para Cunqueiro, o espiñazo da súa biografía son as lecturas e o escribir. Poucos seres humanos de profesión escritor foron tan esencialmente escritores. A condición de escritor era a súa columna vertebral e a literatura, a súa respiración.