A autora viguesa Oriana Méndez, gañadora do premio de poesía Afundación pola súa obra «Interna»
CULTURA

A autora Oriana Méndez (Vigo, 1984) gañou este venres o premio de poesía Afundación pola súa obra Interna. O fallo deuse a coñecer a media tarde na sede compostelá de Afundación, que convoca o galardón xunto ao Centro PEN de Galicia. Méndez -filla do escritor e expresidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín- impúxose nunha edición á que se presentaron un total de 27 pezas inéditas, entre as que o xurado recoñeceu nela «unha voz feminina que mantén un ritmo sostido a través de versos depurados e conmovedores». Durante o acto, o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, destacou o alto nivel literario dun certame que «coida todos os detalles e serve de acicate para os creadores». Felicitou así á premiada, a quen lle desexou «moitos máis éxitos no futuro».
Méndez é licenciada en Filoloxía Galega pola USC e comezou a publicar os seus traballos poéticos no 2000 nunha revista cultural de Noia. Máis tarde colaborou en publicacións colectivas con grupos como Burla Negra ou a revista Mealibra e en numerosos proxectos de acción poética como A revolta das letras. No 2003 participou na elaboración do libro Xuro que nunca volverei a pasar fame, publicado por Redes Escarlata. Con O que precede á caída é branco (2015) alzouse co premio Concello de Carral
O galardón de Afundación está dotado con 6.000 euros e a publicación na colección Arte de trobar. Tras dúas décadas de labor -naceu no 2002-, na nómina de gañadores figuran, entre outros, María do Cebreiro, Emma Pedreira, Yolanda Castaño, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo e Miguel Sande.