A banda Dequenvessendo reivindica no seu primeiro disco o imaxinario popular

d. vázquez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O grupo foi creado no 2016 e actualmente está conformado por Miguel Ocampo, Pablo Rosales Reboiras, Bieito Romero Diéguez, Jorge Salgado, Miguel Rosales Reboiras e Irene Cerqueiro Espinosa
O grupo foi creado no 2016 e actualmente está conformado por Miguel Ocampo, Pablo Rosales Reboiras, Bieito Romero Diéguez, Jorge Salgado, Miguel Rosales Reboiras e Irene Cerqueiro Espinosa mariña romero

O álbum «Canto das xacias» recolle once temas cunha proposta de folk contemporáneo

20 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dequenvessendo optou por recoller unha frase moi nosa para dar nome a un grupo de folk que, por relacións familiares e de formación, está vencellado a Luar na Lubre. A agrupación arrancou no 2016 dun cuarteto de música tradicional, nado da asociación cultural Triskell en Arteixo, que foi crecendo até o sexteto multiinstrumentista actual. Non renuncian á tradición das alboradas ou as ruadas, pero o seu proxecto defíneno como «máis ambicioso e elaborado», agrúpano na etiqueta de folk galego contemporáneo e citan entre as súas influencias a grupos de referencia como as bandas escocesas Silly Wizard e The Tannahill Weavers.

Este venres presentaron o seu disco, Canto das xacias, no Teatro Rosalía da Coruña, co respaldo do público ao tocar na casa e despois de curtirse en salas imprescindibles para este tipo de música como a Casa das Crechas ou A Cova Céltica e tras gañar o Concurso Runas 2019, xunto ao gaiteiro xaponés Yuki Kojma, no Festival de Ortigueira. Daquela experiencia lanzaron en maio do 2019 unha maqueta, previa ao que sería a campaña de micromecenazgo que lles permitiu afrontar os gastos deste primeiro traballo. «Chega con algo de atraso polo covid, estaba para antes», puntualiza Irene Cerqueiro, voz, frauta e teclado dunha formación integrada por Bieito Romero (gaita e frauta traveseira), Pablo Rosales (whistle, zanfona e gaitas), Jorge Salgado (guitarras, bouzouki e teclado), Miguel Ocampo (percusión) e Miguel Rosales (acordeón diatónico e teclado). Previsto para marzo, o seu debut discográfico foi lanzado finalmente o día 8 de setembro, tras avanzar como primeiro corte A muiñeira d'a cabra, unha peza moi animada recollida do repertorio do cuarteto tradicional Os Catro de Queixas e que adaptaron ao seu estilo.  

Cambio de axenda

Dequenvessendo ía xirar con este álbum en verán, pero moitos concertos pospuxéronse e outros, directamente, canceláronse. Móstranse comprensivos pola situación: «É un compromiso moi grande programar, por se pasa calquera cousa, é unha historia moi nova para os que están organizando», admiten.

Cunhas medidas de seguridade incertas e cambiantes pola pandemia non puideron subir ao escenario do Rosalía aos músicos previstos para presentar un traballo no que contaron con colaboradores como Sés, Bieito Romero, Víctor Iglesias, Nani García, Xabier Ferreiro ou Javier Cedrón. «Somos moitos e hai que estar pendente da xente», dicía antes da actuación Romero Diéguez sobre os problemas de intendencia que xera o movemento desa cantidade de músicos no escenario e nos bastidores. Cóntao sen perder o fío e gabar con admiración a traxectoria dos profesionais que quixeron colaborar con eles neste disco.

Aínda así Romero, o profesor de todos, acompañounos, ao igual que Iglesias e Cedrón, nun concerto animado, no que se defendeu a programación de cultura e que tivo como convidados a dous bailadores que racharon estereotipos no baile tradicional.

Canto das xacias é un traballo cun discurso armado ao redor destes seres mitolóxicos, unha reivindicación do imaxinario popular do país dos mil ríos. «Gústannos as lendas, a mitoloxía. A etnografía interésanos moitísimos e limos unha lenda de Ramón de Castro sobre a xacia de Chouzán, na que nos baseamos», explica Romero Diéguez e puntualiza que decidiron reinterpretala ante un texto non apto para todos os públicos. O disco narra a historia, a través de once temas, dunha xacia do Miño, Valsira, que renuncia ás augas por amor dun humano, pero que volve a elas, ao igual que a súa filla Sabel, tras malas experiencias en terra. Polo medio fan unha homenaxe a un descubrimento de Luis Monteagudo no castro de Elviña, a un romance recollido por Ramón Cabanillas e a traballos de Labarta Pose ou Luis Maquieira, que mesturan coa tradición galaica e a música bretoa.

«O canto de sereas é evocador, pero o das xacias soa ben», profunda Romero Diéguez, sobre estas mulleres-peixe que centran a aposta do grupo aínda polo álbum físico. «O disco é unha burbulla na que estamos nós metidos, non se venden, pero queríamos telo, é coma cando vas a unha empresa e presentas o currículo», di sobre a edición de parte do repertorio dunha formación que reivindica a cultura popular e que di que nace para actualizar o folk galego. «Cando nos din que soamos como Luar na Lubre ao principio, non sei se o din de boas ou de malas, pero grazas, é un afago», remarca para dar pistas de por onde van.