A publicación, editada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, reúne mil cartas intercambiadas con persoeiros da súa época
20 may 2023 . Actualizado a las 19:59 h.«Galiza é un país que se autodespreza. Moitos séculos de ruina mental i-economica trouxérona a iste estado i-é a cousa menos doada o facer que un galego síntase gabacho de selo». Este texto é parte dunha carta, unha das mil que foron recollidas no epistolario Cuevillas e os seus contemporáneos.
Esta en concreto envioulla Florentino López Cuevillas a Julio Martínez Santa-Olalla, pero a recompilación é moi variada. No volume, editado polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense en colaboración coa Xunta, recóllense as misivas que o escritor ourensán enviou entre os anos 1925 e 1958 a persoeiros como Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Manuel Chamoso Lamas, Fermín Bouza-Brey, Vicente Risco, Xesús Taboada Chivite, Xosé Filgueira Valverde ou Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey. Trátase dun total de setenta interlocutores diferentes.
As cartas axudan a coñecer con maior profundidade a figura de López Cuevillas (Ourense, 1886-1958). Así, ademais da súa gran paixón pola arqueoloxía, da lectura do epistolario poden extraerse conclusións importantes en relación co seu compromiso coa lingua e co galeguismo. E isto é importante porque, máis alá dun texto publicado en A trabe de ouro, son pouco frecuentes as pezas nas que o escritor debulle o seu pensamento político.
Así o manifestou o director do Museo Arqueolóxico Provincial, Xulio Rodríguez González, un dos encargados da edición literaria do libro presentado onte xunto con Avelino Rodríguez González. Segundo dixo, Cuevillas foi «un traballador incansable que puxo a súa vida ao servizo dunha idea e unha causa, o galeguismo». Ao seu xuízo, canto máis se afonda na súa figura, «máis se valora».
Á presentación, celebrada no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Ourense, asistiu tamén o secretario xeral de Cultural, Anxo Lorenzo, quen destacou a axuda que supuxeron os arquivos privados na recompilación das cartas. Segundo recordou, é sabido que Cuevillas destruía moitas das que recibía para protexer o seu contido e aos seus autores, pois aqueles eran tempos «difíciles».
Centenario da Xeración Nós
Lorenzo enmarcou a publicación do epistolario na celebración do centenario da Xeración Nós, que coincide neste ano 2020, pero que se estenderá ata o 2021 dadas as especiais circunstancias que supuxo o coronavirus, co aprazamento ou suspensión dalgunhas das actividades previstas. O secretario xeral de Cultura recordou que se inaugurará este venres en Santiago a exposición Galicia, de Nós a nós, unha mostra que tamén visitará Ourense no mes de febreiro e que pretende ser a aproximación máis ambiciosa á importancia que tivo ese grupo de intelectuais.