A mocidade trata de espallar en TikTok a utilización do idioma galego nas redes sociais

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fotograma do vídeo da campaña #aculturasegue en favor do consumo de produtos culturais
Fotograma do vídeo da campaña #aculturasegue en favor do consumo de produtos culturais

Os usuarios enxalzan o impacto do «Dígochoeu», o espazo educativo sobre a lingua da CRTVG que comezou na web e cuxo éxito o levou tamén á programación televisiva

20 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A mocidade vivía allea á negativa de TikTok a publicar publicidade en galego, que quedou esta semana en evidencia cando a Xunta tratou sen éxito de contratar un anuncio con esta plataforma. A campaña institucional #aculturasegue desenvolvida en Internet en favor do consumo e do ocio culturais si foi difundida en Twitter, Instagram e Spotify. Os rapaces da comunidade -os adolescentes son maioría entre os máis de mil millóns de usuarios diarios desta aplicación- móvense masivamente en TikTok e son moitos os que empregan a lingua propia nos seus contidos de forma orgánica.

Non lles gusta esta negativa, pero tan só algúns valoran medidas como o boicot, cren que o que hai que facer é insistir na utilización do idioma de Rosalía e facer que sexa a evidencia a que actúe. É dicir, que TikTok acabará por entender a realidade plurilingüe de España e que rematará por acceder a darlle curso á publicidade en galego, éuscaro, catalán, valenciano ou outra lingua cooficial que rexa no sistema autonómico.

A etiquetas reivindicativas como #AlgoDeSentidiñoTikTok, #TiktokSéRiquiñoCoNosoGaleguiño e #oGalegoNoTikTokXa, demandando á compañía chinesa que reconduza a súa negativa, súmanse colectivos como as Xuventudes Socialistas de Ourense, que veñen de convocar, este xoves, un concurso de vídeos en TikTok para promover o uso do galego en redes sociais, e nesta en particular.

Tomaron a idea dunha iniciativa similar que o Concello de Barbadás puxo en marcha no Nadal, pero eles redirixiron o seu esforzo cara o idioma con vistas, de paso, a festexar mañá o Día Internacional da Lingua Materna. «Escollemos a plataforma onde máis rapazada hai agora mesmo, onde máis vídeos consumen, pero abrimos o arco á participación de persoas de entre os 14 e 32 anos de idade», explica Iván Losada, secretario de organización da agrupación política, que estudou Comunicación Audiovisual. Losada anota que organizaron este certame antes de coñecer a información que publicou La Voz de Galicia, pero a negativa de TikTok non só non os desanima, senón que aínda lle dá máis sentido ao seu empeño na defensa do idioma. «A rixidez da norma de TikTok moveunos a reforzar a campaña, deunos máis pulo», subliña para engadir que pensa que é unha mágoa que moitos dos usuarios galegos que incorporan contidos nesta plataforma non os preparen en galego. Ese é un dos espazos cara onde dirixen o seu chamamento.

«Fartos de tópicos»

Losada, que ten 23 anos, é ademais un pouco crítico co enfoque dalgúns dos contidos elaborados en galego en TikTok, que pensa que inciden demasiado nos tópicos, as parodias e os estereotipos. «Son cousas que estamos fartos de ver en redes sociais, e o corpo pídenos vontade por acadar outros produtos que, sen necesidade de abandonar o carácter lúdico, sexan máis construtivos, máis creativos, máis imaxinativos», insiste. O entretemento é clave, admite, para achegar o galego aos centos e centos de adolescentes -«un auténtico bum», afirma- que inzan as rúas das cidades e vilas galegas «gravando bailes e desafíos cos móbiles e botando unhas risas». Hai que armar con eles -engade- unha comunidade virtual que vexa no galego unha ferramenta válida para compartir e viralizar contidos. «Normalizar», resume.

No espírito a perseguir, a mocidade galega sitúa o Xabarín Club -cuxos contidos andan agora arrombados na segunda canle da TVG, lamentan-, e que acha un equivalente no impacto que ten hoxe Dígochoeu, o proxecto educativo da CRTVG en torno ao galego que conduce a xornalista Esther Estévez. Naceu na web dos servizos informativos e, tras o éxito alcanzado, pasou a concorrer no telexornal televisivo. A fórmula é tan vella como innovadora, frescura, dinamismo, diversión, humor e intelixencia. A súa conta en TikTok ten case 82.000 seguidores -o que fala do seu impacto- e está presente tamén en Instagram, Twitter, Facebook e YouTube.