
O pleno extraordinario do Día das Letras foi de mulleres «de sangue e auga» e «poemas de verdade»
18 may 2021 . Actualizado a las 05:15 h.«A auga nos poemas de Xela é a auga de fregar, as experiencias das mulleres. Nun mundo ideal, acadada a igualdade, tal vez mulleres e homes escribiriamos igual. Neste mundo desigual na escrita das mulleres mestúranse a tinta, o sangue menstrual, a auga de fregar, experiencias atravesadas por seren mulleres, menstruación, embarazo, abortar, parir, aleitar, ou de forma máis enxebre dar a teta; partes da vida non literarias, inexistentes na literatura canónica masculina, e das que, segundo o canon, as mulleres tampouco deberían escribir; porén di Xela: “Eu só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega”». Engadiu Marilar Aleixandre no seu discurso que nos poemas de verdade hai sangue e auga, «como nos textos de mulleres que escriben sobre as penas das mulleres». A liña de xénero marcou este luns en Vigo a celebración do pleno extraordinario das Letras Galegas de Xela Arias, o máis feminista da Real Academia Galega (que se saiba, que será, porque se non, saberíase).
Aleixandre -«foi en Vigo onde eu me fixen galega», proclamou- concluíu a súa intervención reivindicando a rebeldía: «Hai ledicia en ser tigre, gata, centaura ou balea. Crear, di Xela, é inventa-lo mundo e mailas marxes do mundo». A súa alocución foi a segunda das tres académicas previstas no guión da homenaxe, pero xa a primeira, a de Ana Romaní, apuntaba por onde ía a corrente, comezando a súa intervención cos versos que Arias dedicou a Rosalía nos que a poeta reivindicou o «dereito a rebentar», e invocou tamén a Luz Pozo Garza e Xohana Torres, nun discurso farto de mulleres confinadas, con versos como aquel no que Xela di que «sendo muller aínda é ben difícil vivir nas nubes» e reclamando o dereito a «abismarse» na poética radical á que se asomou para construír unha obra que «foi esculpida na ardua procura da independencia».
Vigo, a cidade que foi «o espazo creativo, emocional e profesional onde Xela Arias desenvolveu a meirande parte da súa vida», e onde naceu o Día das Letras Galegas, como lembrou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, tivo nesta cita o conforto do familiar coa presenza da nai da poeta, Amparo Castaño, do seu fillo Darío e doutros parentes. Iso si, nas cadeiras separadas pola distancia imposta pola pandemia e xunto a representantes do mundo cultural, autoridades locais, políticas e educativas e convidados como o presidente da Xunta, na mesa principal, con Freixanes e as académicas Margarita Ledo e Rosario Álvarez.

Arranque sonoro
O arranque foi sonoro. O derradeiro poemario de Xela, Intempériome, fundiuse coa voz de Mónica de Nut e a música de Pablo Carrera e Fernando Abreu, que traballara con ela en vida nese proxecto. O acto central do Día das Letras Galegas xirou arredor dos discursos que os escritores e académicos Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas pronunciaron sobre a autora, marcados pola reivindicación da figura radical, rebelde, independente, da vida vertida á súa obra. Rivas pechou a quenda das alocucións cun discurso no que subliñou o seu carácter outsider e o seu interese por aquilo que «fica fóra», en contraste cun tempo xa percibido por ela «en que unha das síndromes máis estendidas é o medo a ficar fóra». Fóra da moda, da última novidade, do intre triunfal. «Mais a literatura non pode ter medo de ficar fóra. Pola contra, o que fica fóra é o seu foco de interese», advertiu.
Rivas referiuse tamén a Denuncia do equilibrio, primeiro poemario de Arias, como un manifesto no que ela se bota «fóra da orde do día» e «vén abanear o acomodado»; e valorou Intempériome como «obra que leveda co tempo e que axiña se verá como un chanzo imprescindíbel».
Freixanes enxalzou o gran protagonismo de Vigo, a cidade na que medrou a nena de Sarria
No acto que acolleu o auditorio Mar de Vigo, Víctor F. Freixanes recordou o primeiro manuscrito descuberto na Fundación Penzol no que a Xela nena, «con nove aniños», remataba unha redacción cunha exclamación entusiasta que o actual alcalde podería facer súa: «¡Viva Vigo e o seu porto!». Freixanes fixo mención tamén á Sarria natal da autora, onde a Academia estivo igualmente presente neste ano Xela Arias apoiando distintas iniciativas arredor da súa figura nos dous eixes vitais que ilustran a pertenza da poeta a unha xeración con raiceiras no medio rural, que medrou nos barrios das cidades galegas en expansión e que viviu a mocidade nun momento «especialmente activo e ilusionante», o dos anos 80 e 90, no que «Vigo tivo un protagonismo moi especial», recordou. «Foron décadas dunha enorme explosión cultural e creativa, protagonizada polos mozos e mozas que, sen renunciar á memoria dos avós e os devanceiros, a enriquecen cunha nova ollada, novas perspectivas, novas formas de expresión», retratou o presidente da RAG. O compromiso coa lingua en todas as súas facetas tamén foi reivindicado nas alocucións académicas. «Escribo en galego porque estou aquí, e desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados», deixou dito e lembrou Romaní.
Na despedida, pechou o acto a interpretación do himno galego a cargo de Mónica de Nut, Abreu e Carrera, neste ano Xela Arias que segue apoiando distintas iniciativas arredor da súa figura. Que ía en serio.

Homenaxe no instituto onde estudou a escritora
Previamente á súa asistencia ao pleno extraordinario da RAG en Vigo, o xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijoo, acompañado polo presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presidiu unha nova homenaxe a Xela Arias, coa participación da nai da poeta, Amparo Castaño, e do seu fillo, Darío Gil. Tivo lugar no IES Castelao, instituto do barrio vigués do Calvario no que Xela se matriculou no ano 1976 e onde cursou os estudos de BUP e COU antes de obter o seu primeiro emprego nas oficinas de Edicións Xerais.