Compartir o tesouro do rei sabio

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle dunha das ilustracións do Códice Rico das Cantigas.
Detalle dunha das ilustracións do Códice Rico das Cantigas. RAG

A difusión dos códices do Escorial permitirá un goce maior das «Cantigas»

16 jun 2021 . Actualizado a las 10:55 h.

Dos catro códices que recollen as Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, os dous máis importantes, dende un punto de vista literario e musical, eran precisamente os que eran de difícil acceso. Trátase dos chamados códices Rico e dos músicos, custodiados no Escorial por Patrimonio Nacional. A entidade vén de comprometerse coa Real Academia Galega para que estas dúas obras estean dispoñibles en Internet antes de que remate o mes. Mentres os outros dous, os que se conservan na Biblioteca Nacional de Madrid e na Nacional Central de Florencia, si son accesibles en liña, os do Escorial só se podían consultar nunha edición moi precaria e antiga ou noutras facsimilares de luxo, polo que ficaban fóra do alcance de moitos.

«Son dous códices moi valiosos», subliña o vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo. O Códice dos Músicos é a colección máis ampla das cantigas, mentres que o Códice Rico é celebrado polas súas ilustracións, obras de arte por dereito propio e unha fonte privilexiada para coñecer diversos aspectos da vida na Idade Media. Isto mesmo é unha das vantaxes que salienta Monteagudo: «Para investigadores, como os medievalistas, os filólogos, os musicólogos, é algo importantísimo. Xa era algo de necesidade, porque as únicas imaxes eran en branco e negro e de visibilidade moi limitada», unha eiva que a dixitalización moderna virá a solucionar.

Para un filólogo ou un historiador da lingua tamén son un tesouro. «A primeira codificación do galego como lingua literaria débese a Afonso», expón Monteagudo. Unha codificación «sobre unha base claramente galega» que se configura como modelo de lingua culta. E non é valioso só para os especialistas na Idade Media, a lingua ou música. «O profesorado, de calquera etapa do ensino, non só o universitario, ten un recurso inigualable ao seu dispor», di o académico, quen non deixa de loar a capacidade de fascinación que teñen as cantigas e estes manuscritos para o público en xeral.

Diversas coleccións

O relato máis ou menos consensuado arredor dos catro manuscritos establece que o Códice de Toledo foi a primeira recompilación: reuniu un cento de cantigas, que logo se ampliaron a 130. Esta obra atópase na Biblioteca Nacional e foi editado dúas veces, no 2003 e no 2008, polo Consello da Cultura Galega. Carece de ilustracións pero representa un gran valor para os filólogos. O rei quixo posteriormente facer unha colección máis completa e duplicar -os números tamén tiñan un carácter máxico- as cantigas ata duascentas, cifra que aínda volvería a medrar ata superar as catrocentas. O Códice Rico contén esas case duascentas cantigas, coa súa música correspondente, igual que o dos Músicos, o máis completo, con 406 cantigas diferentes. O que se atopa en Florencia, porén, quedou incompleto, unha circunstancia que Monteagudo atribúe á gran cantidade de recursos necesarios, materiais e persoais, para desenvolver un traballo acorde coa ambición e o propósito do rei Sabio.

Unha obra de prestixio para o monarca que viaxaba canda el

As Cantigas son un tesouro patrimonial, pero tamén o eran no seu tempo. Para Afonso X, eran unha obra que o prestixiaba, tanto no eido intelectual e cultural, como no material, porque os manuscritos, ao cabo, tamén requirían recursos que eran toda unha demostración de poder, dende os centos de reses que se necesitarían e a preparación do coiro, ata os copistas ou miniaturistas. Aínda que a corte era itinerante, un traballo así precisaría de scriptoriums establecidos. Crese que a primeira colección foi feita en Toledo, mentres que as dúas últimas deberon crearse en Sevilla. Afonso X levaba os códices canda el: na Cantiga 209 relata como colocou un sobre o seu corpo para sandar dunha doenza.