








O poeta e dramaturgo andaluz foi protagonista na Ínsua dos Poetas
03 jul 2021 . Actualizado a las 20:39 h.Era un dos candidatos ao Día das Letras 2022, pero a Real Academia Galega escolleu a Florencio Delgado Gurriarán. O poeta valdeorrés será pois o protagonista do vindeiro 17 de maio. Federico García Lorca foino hoxe xa, na Festa da Palabra organizada na Ínsua dos Poetas pola fundación do mesmo nome (en colaboración da Deputación de Ourense e co apoio da Xunta), «unha cita clave no calendario cultural galego que reivindica os fitos máis salientables da nosa literatura», segundo a describiu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Co gallo do 85 aniversario do seu pasamento, a celebración literaria do Carballiño quixo recordar os seis poemas que o andaluz escribiu na nosa lingua.
Lorca é o autor literario. «Tivo, como asesor lingüístico («diccionario viviente»), a Ernesto Guerra da Cal en cinco das seis composicións (da primeira, Chove en Santiago, o colaborador lingüístico foi outro, quizais Serafín Ferro)», tal e como recordaba o académico Xesús Alonso Montero, que onte non puido estar, nas páxinas de La Voz o pasado venres.
«Este é un acto de agradecemento a Lorca polo seu amor e a súa entrega a Galicia e ás súas xentes, de dentro e fóra», dixo o presidente da Deputación, José Manuel Baltar. Román Rodríguez fixo un chamamento a fixarse no seu legado afondar na pegada universal da nosa lingua. «É unha icona atemporal do teatro, a poesía e incluso da música do noso país», dixo. Referiuse a el como un xenio que namorou de Galicia desde a súa primeira visita e quedou fascinado pola identidade, a cultura e a lingua. «Nel recóllese a importancia do noso rural, da Galicia máis profunda», destacou o conselleiro de Medio Rural, José González.
Teo Cardalda puxo música á festa, na que tamén se entregaron os premios da Festa da Palabra, na que era a súa décimoterceira edición. Os galardóns recaeron en Yolanda Castaño, no eido da literatura; José Manuel Vidal Souto, ao que se recoñeceu de xeito póstumo polo seu labor nas artes plásticas; o Orfeón do Carballiño, no campo da música; e Maribel Outeiriño polo seu traballo en comunicación. Ademais, tamén se recoñeceu a Marisol Novoa na categoría de emprendemento; a Fundación Amaranta-Ourense, pola iniciativa social que desempeña; e a Diego Martínez Duro no campo de cultura en emigración.
O acto incluíu tamén a inauguración da escultura de Soledad Penalta, que interpreta, de maneira simbólica, o fondo sentimento e a gran altura literaria de Federico García Lorca.
O presidente da fundación, Luis G. Tosar, avanzou que a festa do 2022 estará dedicada ao grupo Brais Pinto.