Pádraig Ó Maoldomhnaigh

CULTURA

Paddy Moloney, nun concerto no Festival Celta de Ortigueira no verán do 2014.
Paddy Moloney, nun concerto no Festival Celta de Ortigueira no verán do 2014. Ángel Manso

27 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pádraig Ó Maoldomhnaigh, Paddy Moloney en gaélico irlandés, chegou ao mundo en agosto do ano 1938. Comezou de moi noviño na música grazas a un pequeno tin whistle [pito de lata] de xoguete co que o agasallaron os seus pais.

O pequeno Paddy ollaba dende a fiestra da súa casa en Donnycarney a pequena porción de mundo que dende ela se podía ver, e soñaba. O mestre gaiteiro Leo Rowsome foi quen lle ensinou os segredos da complexa uillean pipe [gaita de cóbado], ata que o xoven Paddy foi quen de facela falar e, dende aquela, non tardou moito máis en tomar a decisión de que a música era o seu camiño. A comezos dos anos 60, e xunto con outros tres músicos, crea The Chieftains e aquí comeza a andadura da que quizais sexa a banda máis mítica e internacional da música tradicional irlandesa.

O seu proxecto foise movendo no tempo e coa súa visión de abrir Irlanda ao mundo, contaron con innumerables colaboracións de grandes artistas que van dende os Rolling Stones, Mark Kpnofler, Mike Oldfield, Van Morrison ata os nosos Milladoiro ou Carlos Núñez. Con Carlos, Paddy e os seus, afondaron en Galicia. Froito desa relación fraternal, houbo moitos resultados como a edición do traballo Santiago, a medalla de ouro de Galicia ou as innumerables colaboracións mutuas.

A denominada música celta moderna tivo varios impulsores e promotores dende a súa creación nos anos 60 e un deles sen dúbida foi o mestre Moloney. Eu coñecín a súa música con a penas 12 anos e sempre me fascinou aquel son arcaico e misterioso ao tempo que familiar e moi de abrigo de lareira. Hoxe teño case que toda a súa discografía.

Acudín a varios directos deles en Galicia e coñecín a Paddy e aos Chieftains nun pub de Nova York propiedade de Tommy Macken, outro dos grandes da irish music. Tamén manteño certa relación co frautista Matt Molloy. Agora, coa morte de Paddy, imos ver que acontece. El era algo máis que un músico, era motor e alma dun proxecto de fonda pegada. Paddy finou en outubro do 2021, pero este gran captador de soños deixou moita luz e un ronsel de estrelas que seguirán alumeando por sempre.