Ferrol festexa os 25 anos de literatura de Ramón Loureiro con «A creación dun mundo»
CULTURA

O Club de Prensa da cidade organiza un encontro no salón Carlos III de Exponav como acto de recoñecemento á contribución ás letras do escritor fenés
14 feb 2022 . Actualizado a las 22:21 h.O escritor fenés Ramón Loureiro festexa en Ferrol os seus 25 anos no ámbito da literatura. Faráo este sábado, 19 de febreiro, ás 12 horas, da man do Club de Prensa cun encontro no salón Carlos III de Exponav. Baixo o título Ramón Loureiro, a creación dun mundo, este acto de recoñecemento reunirá a personalidades do mundo da cultura chegadas de toda Galicia co gallo de subliñar, ademais do valor da súa traxectoria literaria e periodística, un permanente compromiso coa defensa dun territorio que ten as súas capitais en Ferrol e Mondoñedo, e o seu corazón espiritual na Terra Chá de Lugo. «A estas alturas da vida, o que de verdade quero, sen máis demora, é dar as grazas», subliña o homenaxeado, que se quita méritos: «Tamén creo que o máis importante que fixen na vida é aprender a ler. E, en todo caso, canto escribín tentou aproximarse, dunha forma ou doutra, ao inmenso misterio que nos rodea». E engade, nun guiño ao xenio das letras que tanto admira o xornalista de La Voz de Galicia: «Son crente; é máis, incluso diría, no sentido que Cunqueiro lle daba ao termo, que son un gran credor».
No transcurso do encontro presentarase oficialmente o último libro de Loureiro, Las máscaras del fin del mundo, publicado polo selo Medulia e co que, precisamente, celebra o seu cuarto de século no mundo da escritura de ficción. Trátase dnha obra feita en prosa pero de natureza decididamente poética.
Participarán na homenaxe, ademais do autor, o concelleiro de cultura ferrolán, Antonio Golpe, a escritora e directora da revista Ferrol Análisis, Esperanza Piñeiro, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, e a presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz.
Loureiro, premio Julio Camba de periodismo, encarna, subliña o Club de Prensa, «tanto na súa escrita xornalística como na súa dimensión de autor de ficción», a permanente defensa dun territorio que naceu da literaria Terra de Escandoi e que, libro tras libro, foi medrando ata converterse no que o autor deu en chamar a Última Bretaña, o universo que se extende desde as desembocaduras dos ríos Xuvia e Belelle ata a ría do Eo.