
O traballo recolle as respostas de 86 escritores a unha enquisa do profesor
21 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Principios de 1969. Francisco Franco decreta o Estado de excepción. Ante esta situación que limitaba a súa actividade, Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), por entón en Lugo, céntrase no estudo e en tratar de dar resposta a unha vella preocupación: saber cantos autores escribían en galego a pesar das dificultades impostas pola ditadura. O profesor puxo o foco naqueles escritores que non publicaran nada na lingua do país antes de 1936 coa intención de conformar o Dicionario da nova literatura galega. Para iso fixo unha enquisa con máis de trinta cuestións —tanto de índole biográfica e bibliográfica, como outras máis amplas para que deran a súa visión sobre a cultura e a literatura galegas— e remitiullas a un cento de persoas. Recibiu a resposta de 86 delas. Agora, máis de medio século despois, todo ese material coas contestacións e cartas que recibiu Alonso Montero ve a luz co Dicionario da nova literatura galega (86 voces responden un inquérito, 1969), que conta con edición, estudo introdutorio e notas do escritor e crítico Ramón Nicolás.
«Este dicionario vai achegar datos, cavilacións, consideracións, que non se atopan noutro tipo de publicacións», destaca Alonso Montero deste libro publicado por Xerais e que conta co apoio de Política Lingüística. Un argumento no que coincide Nicolás, que apuntou que cando coñeceu as enquisas se decatou que «o material era algo único. Probablemente non haxa un conxunto de carácter documental cun valor histórico e literario coma este». Deste xeito, o traballo está orientado «a aquelas persoas interesadas na literatura galega, que queiran ampliar o coñecemento sobre figuras coñecidas e outras que non o son tanto», resalta. Unha das achegas importantes é en canto a bibliografía de autores con escasa presenza noutros manuais.
Neste dicionario figuran as contestacións de figuras que tiveron e teñen unha longa traxectoria literaria, como Casares, Novoneyra, Neira Vilas, Darío Xohán Cabana e Xesús Rábade, pero tamén «hai voces case descoñecidas ou que non medraron moito porque o que produciron desde 1969 ou foi nulo ou escaso», detallou o autor. Así, entre os que escribían en galego nese momento, atópanse María Josefa Román Costa ou Antonio Bonet Correa, nomes «bastantes descoñecidos se un non é moi erudito en literatura galega». Xunto a eles, hainos que pouco máis editaron en galego despois do 69, como Carlos Abraira, Xesús Cambre, Antonio Concheiro e Walter Fugarolas, entre outros, como lembra no prólogo o veterano profesor e membro da RAG.
Na enquisa incluíanse, ademais de 21 preguntas de carácter biográfico e que tiñan que ver coa obra literaria —nome, pseudónimo, estudos, viaxes, libros publicados, traballos en galego, textos galegos traducidos a outros idiomas, entre outras—, unha decena de cuestións de carácter xeral, como os escritores dos que recibían influencia, sobre o autor galego que cumpría «resucitar», o libro que urxía rescatar ou se lle facía falta á cultura galega unha Academia.
No estudo introdutorio Nicolás fai balance do inquérito. Como o autor galego que desexarían rehabilitar, destacaba Curros, que aparecía en once das respostas, seguido por Castelao, con dez. En cambio, Rosalía só era nomeada nunha ocasión. En canto ao libro que cumpría reeditar, o máis recorrente era Sempre en Galiza, de Castelao. «O Dicionario coido que constitúe unha ferramenta de uso inescusable para calquera historiador das nosas letras, máis tamén para unha persoa neófita que queira achegarse á realidade do sector cultural, literario e, por extensión, creativo, da Galicia de hai cincuenta anos», detalla Nicolás.