Miguel Anxo Seixas Seoane: «Se hoxe temos autonomía, un Parlamento galego, un Goberno galego, debémosllo a Castelao»
CULTURA

«Tiña todas as calidades, só lle faltou ser feminista», di o investigador, que completou coa presentación do terceiro tomo a súa biografía sobre o xenio de Rianxo, un traballo de case 4.000 páxinas
24 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.
O máis totalizador retrato de Castelao, o «construtor da nación», en tres volumes. Catro mil páxinas. Traballo rematado. Media vida dedicada ao xenio de Rianxo. A satisfacción de chegar á meta, do deber cumprido. «Iso si, fai falta un carretillo para levar os libros para a casa», ri o investigador Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1960), que asume malamente ser profeta do gran deus Castelao, pero acepta entre brincadeiras o papel de evanxelista como transmisor da vida e dos feitos do gran escritor, debuxante e político. Porén, prefire a condición de compilador, porque sabe que o seu ciclópeo traballo non ten sentido sen o que fixeron outros que o precederon. Tamén presidente da Fundación Castelao, falou este mércores no Museo do Pobo Galego do segundo tomo —que abrangue o período 1931-1939 e cuxa presentación no 2020 quedou adiada pola pandemia— e o terceiro (1940-1950) deste ambicioso proxecto que coeditan o Consorcio de Santiago e o selo Galaxia. O auditorio estaba ateigado, vese que a figura de Castelao segue a interesar. Esa atracción popular é o motor da tarefa emprendida por Seixas, que partiu da súa tese lida na universidade compostelá no 2017 pero que foi enriquecendo e ampliando tanto que hoxe «non se parecen en case nada». O que el sempre ansiou era poñer esta obra nas mans da cidadanía para que agora poida facer as súas achegas, corrixindo e mellorando o resultado en futuras reedicións, aínda que por moito que aparezan novos datos, documentos e debuxos —tamén está seguro— «non vai cambiar o espírito do relato, o edificio en si, se acaso sumarán algún matiz».
O principal obxectivo de Seixas Seoane era que o pobo dispuxera dun instrumento, dun texto cuxa lectura lle permitise ver que «esta persoa está enterrada con xustiza no Panteón dos Galegos Ilustres», que merece esa honra e o aprecio de todos os galegos, que poden así entender mellor a súa grandeza. «O único que fixen —aduce— foi presentarlle á cidadanía ese expediente inatacable de Castelao, que xustifica que Galicia lle queira desa forma. Só quero fundamentar ese amor. É como se un vai ao Vaticano, e todo o mundo acepta que Castelao era moi bo: si, si, de acordo, pero vamos ver que milagres e obras acredita».
Hoxe sorrí ledo con este relato da vida e milagres completado e pulidiño. Xa pode baixar do avión. Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Cidade Real, Salamanca, Lisboa, Chile, Bos Aires, Montevideo, A Habana, Nova York, Miami, Moscova, Washington, Río de Xaneiro... «Aínda que axuda internet, había que viaxar e ir aos sitios porque el moveuse moito. Castelao é como unha fermosa ave que vai deixando as plumas ciscadas por unha chea de sitios. E telas que ir, con paciencia, recompilando, por iso me levou tanto e foi un labor tan custoso, pero eu sabía que había que facelo», afirma.
O que máis lle fascinou do personaxe é a súa actitude ética, no seu comportamento político e na vida. «Foi un home moi bondadoso, pero tamén me sorprendeu a admiración que espertaba a súa obra plástica alén das fronteiras. É o artista galego máis valorado fóra. Os debuxos da guerra alcanzaron unha gran repercusión internacional. Quen coma el logrou expoñer en Moscova e Nova York, que esas láminas se distribuíran e celebraran por todo o mundo. É o noso Goya moderno, o denunciador das atrocidades da guerra, da inxustiza que se estaba a cometer en España».
E logo está a súa capacidade de loita na política, de non renderse, de negociar, de implicar, de achegar ideas... «Sempre en Galiza é un libro que trata de dicirlle a España que Galicia existe, que pode haber un acordo con Portugal, que se pode ir cara a unha federación ibérica... Non é un soñador. El fai propostas políticas, outra cousa é que sexan ou non escoitadas». Naquel momento eran moi avanzadas, pero no 2022 conservan vixencia. «De feito, se hoxe temos autonomía, un Parlamento galego, un Goberno galego, é polo seu empeño, debémosllo a el. Castelao estivo nas Cortes convencendo a vascos e cataláns para que sacasen adiante o Estatuto e apróbanllo en novembro de 1945. Non son quimeras, era un pelexón. Colle un avión, co enfermo que está, e plántase alí. Fala cuns, fala con outros... Os socialistas dinlle: ‘‘Pero, para que imos aprobar un Estatuto de autonomía no 45?’’. E el porfía: ‘‘É que no 36 aprobámolo, saíu referendado maioritariamente. Está pendente de que as Cortes o aproben, aprobádemo’’. Acude ao presidente do Goberno da República no exilio para que se convoquen as reunións. Fala con todos, ten que conseguir os apoios e os votos. Esa é unha tarefa de constancia, chamar, escribir, atender».
Castelao é un gran talento, pero, lamenta Seixas, non ten equipo detrás, ten admiradores pero está só. Por iso, «cando morre en Bos Aires deixa un gran baleiro, non hai persoa ningunha que o substitúa, que colla o seu legado e o avive. É certo que están Luis Seoane, un grande pintor e editor, Blanco Amor, un enorme escritor, Núñez Búa... Pero ninguén ten a súa prestancia, a súa autoridade, suficiente para dicir aos galegos que, desde a Arxentina, hai que axudar a Galicia. Segue funcionando o Consello de Galiza, si, pero xa non supón esa lumarada que se precisa, esa forza que tiña con Castelao», conclúe.
«Viviu como quixo, con moi pouco, moi austeramente»
Castelao non morreu na indixencia, morreu pobre porque era un ascético, lembra Seixas Seoane, que insiste en que «viviu como quixo, con moi pouco, moi austeramente». Quedara sen patrimonio porque tras o golpe do 36 incautáronlle contas bancarias e ata os cadros. Un grupo de ricos de Bos Aires facilitábanlle un diñeiro para que tivera un apartamento pequeniño e luminoso no que residir coa súa esposa, Virginia Pereira, preto do Centro Gallego, ao que ía a pé a traballar na biblioteca. Aceptaba a axuda porque así estaba liberado para dedicarse á actividade cultural e política, porque pode corresponder, non quere esmolas. El apenas necesita un lapis para escribir. «Entra en política porque llo pide Alexandre Bóveda, que ve as súas virtudes como líder nato, como home popular, de prestixio, o seu carisma. Asúmeo e sométese á disciplina do Partido Galeguista, aínda que el só quería ser un pintor, un debuxante», di Seixas.
Hoxe, anota o investigador, Castelao podería presidir a Real Academia porque era un magnífico escritor, ou a Academia de Belas Artes, pero «cadraría máis coa figura dun presidente da Xunta, porque el aspiraba a que Galicia tivese un Goberno de seu, que o pobo votara, que a muller votara. Antes de nada é un demócrata, cousa que non se pode dicir de Risco e a súa idea das elites. El sabe que os tempos están a mudar, é o que mellor se adapta ao cambio. Tiña todas as calidades, só lle faltou ser feminista, aínda que posuía gran sentido da igualdade, por iso aposta pola Fronte Popular, laica e republicana», subliña.