O cineasta Eloy Domínguez Serén rende homenaxe ás xentes o os oficios do mar na súa primeira ficción
CULTURA

«Rompente», a curta do realizador galego, compite no Festival de Málaga
18 mar 2022 . Actualizado a las 10:05 h.O cineasta Eloy Domínguez Serén (Simes, Meaño, 1985) estrea o sábado a súa primeira ficción na sección competitiva do Festival de Málaga, aínda que Rompente, unha peza de 26 minutos, conserva moito do espírito documental que define a súa obra. Con esta película quere render homenaxe aos oficios do mar e ofrecer un retrato das dificultades que padecen os mozos que se vén abocados —polas circunstancias que sexan, que non resultan nin extraordinarias nin infrecuentes— a unha paternidade temperá. Hai moito de autobiográfico no xerme deste proxecto —confesa— porque os seus proxenitores viviron esa experiencia cando naceu Eloy, dous rapaces en torno aos 19 anos: el, orfo de pai, e ela, cos pais emigrados en Holanda e un avó dependente ao seu coidado.

Da man de dous actores non profesionais —Soraya Luaces (Lucía) e Sergio Baleirón (Santi)—, Rompente reproduce esa unidade familiar, que, na súa precariedade, sae adiante polo traballo de Santi como bateeiro de día e percebeiro furtivo de noite. Esta curta, admite, serviulle para apreciar mellor o papel dos seus pais, admirar o seu valor fronte a uns patróns de conduta e uns atrancos que —pese aos avances na conciencia da igualdade de xénero, no compromiso mutuo cos coidados do bebé e nas axudas públicas— non son tan distintos dos que pesan hoxe no fogar e na sociedade: tensións, medos, presións, prexuízos...

«O filme propón unha reflexión arredor dos esforzos e renuncias ás que deben facer fronte os pais primeirizos, obstáculos que a miúdo semellan infranqueables. Un tipo de sacrificio determinado en grande medida por unha complexa mestura de factores afectivo-sociais nos que adoitan confundirse os límites entre o amor, a responsabilidade, o deber e mesmo a presión social e familiar. Por outra banda, queremos que sexa tamén un recoñecemento aos oficios e as xentes do mar, a través da observación atenta, respectuosa do seu traballo», explica.
O rigor que move a cámara de Domínguez Serén, enraizado na súa querenza documental, medra cando o traballo é o asunto central. El empregouse desde novo co pai, que é ferreiro, e moito despois, xa emigrante en Suecia, na construción. Ese rigor levouno a embarcarse nun proceso de busca que lle ocupou seis meses de entrevistas —nun cásting inusual, de coñecemento mutuo e tamén probas de cámara— a moitos mozos de Barbanza e da Costa da Morte, algúns pais temperás. Serviulle ademais como investigación para documentar a película. Profundou sobre os oficios, o ambiente, o grupo de idade, o contexto económico-social e familiar, incluso a lingua. Todo iso trasladouno ao guión, como o seu estudo da compoñente física do traballo no mar, na batea e nas rompentes do percebe.
Este labor de campo acabou por sinalarlle que é como filmar. Ao igual que tamén se lle foi impoñendo a variante dialectal da banda norte da ría de Arousa. O compromiso co real do autor é tal que, xa nos inicios, deixou a súa residencia en Santiago e instalouse en Palmeira, vila que o namorou e na que, por certo, segue. Deseguida viu nesa fala «un forte sinal, unha fonda identidade, cuxas virtudes se axigantan na boca duns mozos que manteñen esa lingua dos pais e avós malia a diglosia que padece o país». De tal xeito cobrou protagonismo na súa narración, que esa fala —coa súa gheada, o seseo, o léxico, as conxugacións verbais— corrixía na mesma rodaxe, da man dos actores, os diálogos que escribira.

Foi por iso que entendeu necesario compoñer o elenco recorrendo á xente do lugar. Ao vir do documental, e non ter un modelo de dirección de actores previo, a relación co reparto estableceuse en termos de horizontalidade e o camiño, asegura, foi de aprendizaxe mutua, desde a complicidade, a confianza e a naturalidade. En idéntica medida, Domínguez Serén entende que ten unha sensibilidade especial para sacar partido das situacións non absolutamente prefiguradas ou que non pode controlar na propia rodaxe.