
A Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago rescata e difunde a figura e a obra do poeta medieval, autor de dez fermosas cantigas, cuxas orixes se sitúan en Padrucelo de Lóuzara
26 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Martín de Padrozelos é un trobador medieval galego-portugués de quen se conservan dez cantigas —ese é todo o seu tesouro, que non é pouco— recollidas nos cancioneiros da Biblioteca Vaticana e de Lisboa. Nove son de amigo e unha é de amor, e na actualidade hai coincidencia en torno á notable altura literaria e a acaída beleza das súas composicións. Salvo algunha morna anotación que sitúa ao autor como luso oriúndo da localidade de Padrozelos, no municipio de Ribeira de Pena, na rexión de Trás-os-Montes, gaña forza desde hai anos a tese de que o vate, un dos primeiros que se coñecerían da lírica ibérica —a súa obra data de finais do século XI— era de Samos. Alí, chantado no concello lugués, está Padrucelo de Lóuzara, o penúltimo lugar antes de entrar no limítrofe Courel. Nesa mesma aldea, aínda hoxe loce ergueita e habitada a chamada casa de Martín —unha das que compoñen a decena daquel fermoso pero afastado núcleo—. Ninguén lembra de onde procede este nome, pero os máis vellos da contorna din que antigamente se falaba a miúdo de que nesta edificación viviu nalgún tempo un poeta. De feito, aseguran os historiadores, unha esquina da construción e a entrada son nidiamente románicas.
Pero o que máis afirma a súa orixe nestas terras de montes —os trobadores adoitaban tomar o seu alcume artístico do sitio de nacemento— é que nas cantigas de Martín de Padrozelos menciónanse tres topónimos que se atopan (e conservan) nun radio moi pequeno de Praducelo: Padrozelos, San Salvador [do Mao] e Valongo. «En ningunha outra zona de Galicia, ou de fóra, se poden achar os tres a tiro de pedra como en Samos», referenda o xornalista (e paisano do bardo) Luís Celeiro (1955), que retomou un empeño que moveu ao seu amigo e veciño Uxío Novoneyra, que sempre quixo rescatar a figura do trobador e recuperala para a montaña lucense. Tampouco esquece Celeiro a tese de licenciatura de Dulce Fernández Graña sobre as dez cantigas ou as investigacións e o ensaio do profesor Xulio Pardo de Neyra.
Amparado na Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (Apecsa), da que Celeiro é vicepresidente, puxo en marcha un amplo traballo de divulgación que comezou da man do grupo de folk A Quenlla, que musicou e gravou as cantigas de Padrozelo, e continuou cun pequeno documental, Trobador no Camiño, producido por Xoán Piñeiro. Arredor destes materiais prepararon unha mostra —co respaldo do Xacobeo— que percorreu toda a comarca e despois fixo itinerancia por unha ducia de colexios de Galicia. Para poñerlle o broche á iniciativa, que este saber se espalle e viaxe alén da exposición, para que Martín de Padrozelos quede como trobador de Samos, veñen de editar un volume que recolle estes contidos, cun fato de artigos e textos de estudosos e investigadores: De amor e de amigo. As cantigas de Martín de Padrozelos.