Nas orixes do organista barroco galego con máis obra, Bartolomé de Olagüe

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Díaz, no órgano do convento compostelán de San Paio de Antealtares; á dereita, Buide.
Díaz, no órgano do convento compostelán de San Paio de Antealtares; á dereita, Buide. Xoán A. Soler | Paco Rodríguez

Andrés Díaz e Fernando Buide profundan en Sobrado na figura do músico e compositor

18 ago 2022 . Actualizado a las 12:23 h.

Tres séculos e medio despois, frei Bartolomé de Olagüe, o organista barroco galego con máis obra, volverá ao mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, onde pasou catro décadas da súa vida tras ingresar como frade en 1666. Farao da man do investigador e musicólogo Andrés Díaz e do compositor e organista Fernando Buide, que ofrecerán unha conferencia-concerto o sábado día 20 (18.00 horas, entrada libre) sobre esta figura relevante do barroco musical español como queda de manifesto nunha das fontes máis importantes da música de tecla da península Ibérica no século XVII, o Libro de cifra de Porto. Nel, máis dun 30 % das composicións son da autoría de Olagüe, resalta Andrés Díaz.

Precisamente, polo importante peso da súa obra no Libro de cifra de Porto, Bartolomé de Olagüe non era un descoñecido. No entanto, da súa orixe e vida apenas se sabía ata que Andrés Díaz, pouco antes da pandemia, se cruzou co seu nome cando revisaba no Arquivo do Reino de Galicia uns documentos sobre Sobrado dos Monxes. A partir de aí atopou datos que o situaban como organista e tamén que nacera en Santiago en 1652. O investigador resalta que se trata dunha descuberta relevante porque supón contar «cun primeiro organista galego barroco con moita obra», na medida en que nesa altura do século XVII ningún autor dispoñía dun traballo extenso xa que non había imprenta musical.

Inicialmente, coñecíase a existencia dun Bartolomé de Olagüe que fora mestre da capela da catedral de Santiago e morrera en 1658. Porén, os especialistas consideraban que as composicións recollidas no Libro de cifra de Porto eran demasiado modernas para que as fixera esta persoa. A investigación emprendida por Andrés Díaz puxo luz sobre a cuestión, xa que era outro Bartolomé de Olagüe o autor de 26 das pezas incluídas nesta compilación. A coincidencia no nome vén porque frei Bartolomé era fillo do cóengo e mestre de capela da catedral, tal e como asinaba o propio frade na documentación de Sobrado dos Monxes, segundo comprobou o investigador. Ademais, Andrés Díaz apunta a posibilidade que o propio Libro de cifra de Porto teña a súa orixe no cenobio cisterciense: «Non sería estraño que saíra de Sobrado, onde había copistas portugueses».

«Inventiva abraiante»

Se o investigador profundará nas claves da figura de Olagüe, así como nos camiños que había que seguir nos séculos XVII e XVIII para a aprendizaxe da música e no papel educador e protector que as capelas musicais exercían, Fernando Buide interpretará obras que o organista barroco compuxo en Sobrado. «A música de Olagüe recolle as tradicións e prácticas da época, sen deixar de amosar unha forte individualidade e unha inventiva abraiante, particularmente no aspecto rítmico e melódico», subliña Buide.

A figura de Olagüe centrou o pasado abril en Santiago o ciclo De lugares e órganos. Ademais, Díaz continuou coas súas investigacións e confirmou este verán a orixe galega doutro compositor barroco: Juan Correa, organista de Tui, que asina dúas pezas.