Pan e poesía

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

ALBERTO LÓPEZ

14 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

editorial Fervenza publicou hai tres meses o libro Paisaxes de pan, poemario extenso e conmovido do que é autora Ánxela Gracián, nome literario da cidadá e filóloga Ánxela Rodríguez Rodríguez (1968), que naceu no concello de Castroverde (Lugo), na aldea de Gracián, da parroquia de San Paio de Arcos (patria, tamén, do ilustre arabista José María Fórneas Besteiro). Nese «vilar de nove casas de granito», Ánxela foi arrolada pola avoa Anuncia, «a gran contadora de historias da miña familia, / transmitíndome, aínda feto por nacer, / o grande amor ás palabras». Aconteceu en Gracián que a poeta, hoxe, chama nos seus versos, «a miña matria».

Penso que non é, pola miña parte, un desacerto cualificar a poesía deste libro de poesía matriótica, sempre máis morna, próxima e confortante que a poesía patriótica, con frecuencia máis épica, máis problemática e non allea á severidade do pai, lonxe, decote, dos agarimos da mai (así ten sido na nosa tradición cultural). Na poesía galega non escasean os textos matrióticos, desde un verso inmortal de Rosalía de Castro («figueiriñas que prantei») aos excelentes poemas chairegos de Xesús Rábade Paredes. A propia Ánxela Gracián, na presentación do volume, apunta a esta condición do seu poemario: «... grazas aos da miña casa vivín rodeada de palabras medrando como nunha burbulla protectora e benfeitora entre historias do cotián e do máxico...».

O pan e o compango das palabras da nenez está presente en todas as páxinas do libro, mesmo nos paratextos, un deles, o derradeiro verso que se coñece de don Antonio Machado, escrito en Collioure, no exilio francés: «Estos días azules y este sol de la infancia». A autora, nun poema, mide o tempo de cada día botando man da estatura media dun home, criterio que, no meu Ribeiro da infancia, xeraba expresións como «un home de sol», «home e medio de sol», título este dunha composición de Paisaxes de pan. No libro hai outros motivos, un deles o can, que a poeta filóloga evoca deste xeito: «Unha vez tiven un can / ao que lle dei pan e palabras». Eu prologuei estas páxinas, orixinais algunhas, compañeiras todas.