Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Sabela Hermida: «María Casares dicía que quitar o acento galego supoñía perder a súa identidade»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

SABELA HERMIDA ACTRIZ Y AUTORA DEL LIBRO SOBRE MARIA CASARES
SABELA HERMIDA ACTRIZ Y AUTORA DEL LIBRO SOBRE MARIA CASARES Sandra Alonso

A actriz e investigadora ublica unha biografía do mito do teatro visto dende un prisma filosófico

20 oct 2022 . Actualizado a las 15:20 h.

Hai 15 anos que a actriz Sabela Hermida (Vigo, 1979) comezou a investigar sobre María Casares. Licenciada en Filosofía, desenvolveu unha tese doutoral na que mostraba unha perspectiva diferente do mito do teatro. «Interesábame resaltar que María Casares era unha actriz filósofa, que tiña unha concepción da construción do personaxe moi determinada pola filosofía existencialista e pola experiencia do exilio», resume. Parte deste traballo nutre María Casares fronte ao espello (Xerais), un volume que vén de editarse mostrando ese novo punto de vista.

Hoxe preséntao na libraría Cartabón de Vigo (20.00 horas) con Arantxa Estévez e Xesús Alonso Montero. O próximo día 27 a cita será na libraría Cronopios de Santiago (19.00 horas) con Valeria Pereiras, Alfonso Pato e Fran Alonso.

—Vostede sostén que María Casares é un símbolo artístico, político e filosófico.

—Totalmente. Transcende ao artístico. Ela estaba absolutamente comprometida co feito teatral a uns niveis incribles, pero tamén se comprometía coa humanidade na vida. Foi unha gran practicante da solidariedade. A súa casa en Francia sempre foi un lugar de acollida para refuxiados, tanto españois como xudeus.

—Considéraa unha gran intelectual?

—Era unha grandísima lectora, especialmente de poesía. Sempre dicía que necesitaba cultivarse artisticamente en todos os aspectos para poder poñelos ao servizo do teatro. Tiña unha fame incansable de coñecemento. De feito, acabou revelándose como unha grandísima escritora.

—Fala tamén dunha vida en plena liberdade. A súa longa relación con Albert Camus, que estaba casado, desafiaba a normativa.

—Curiosamente, Catherine Camús, a filla, sempre fala de que María Casares era unha figura absolutamente admirada, incluso pola súa nai. Na época falaban da «amante de Camus». E sobre iso hai que dicir dúas cousas. Primeiro, Camus foi importante na súa vida, pero a relación foi de 15 anos e houbo vida máis alá. E segundo, mirábanse de igual a igual. Todos os intelectuais da época os vían así e todos os biógrafos de Camus ven a María como unha figura fundamental, pero non no plano afectivo, senón no intelectual e na súa escritura.

—Existía un sentimento galego en María Casares?

—Si, e foi algo que se incrementou cando xirou por Latinoamérica e contactou cos outros exiliados como Luis Seoane ou a viúva de Castelao. En cada día da patria galega recitaba na radio poemas de Curros ou Rosalía. E logo estaba ese acento que sempre defendeu como unha achega na súa interpretación, aínda que cando volveu a España non gustara. Para ela, iso foi un gran chasco.

—A actriz Tina Sainz falaba recentemente das criticas que recibiu en Madrid por iso.

—Moitas, foi tremendo e ela sentiuse moi maltratada. Ela tiña esa musicalidade de ser unha mestura entre o galego e o francés. Dicían que tiña un soniquete moi bretón. En Francia esa dicción sempre foi moi valorada. Para ela, que na súa terra, logo de 40 anos de exilio, iso fora unha crítica, levábao fatal. Dicía que quitarse o acento era perder a súa identidade que sempre defendera. Galega, e ata diría que galeguista, polas conversas que Fernando Fernán Vello me contou que tivo con ela.

—Por que non se nacionalizou francesa?

—Ela nunca quixo ser cidadá francesa, podendo obter a nacionalidade. Ata a morte do ditador quería ser unha exiliada máis. Era unha mostra do seu compromiso político. Uns anos despois de morrer Franco casou con André Schlesser e obtivo a dobre nacionalidade, pero sempre e unicamente tras a morte do ditador.

—Hai moitos datos que revelan o amor por Galicia, pero sempre queda a gran pregunta: por que non volveu nunca?

—Entran moitos factores. Ela volveu a España tras a morte de Franco con El Adefesio. Ela sempre dicía que non quería volver como unha simple turista, ela quería volver con todo o que era ela, actuando. Quen lle tende esa ponte? Rafael Albertí, outro exiliado, poeta e dramaturgo. Tivo que vir cunhas expectativas tan altas e logo sentiuse tan sola e baleira... Nesa xira ía volver e actuar na Coruña, o que pasa é que enfermou gravemente e marchou a Barcelona.

—Pero despois tampouco volveu.

—Díxollo a Fernán Vello e deixouno escrito en varias entrevistas: a súa casa de nacemento xa non era súa. Ía volver a un hotel tendo casa, que nunca se restaurou? Pero ademais é que non se restaurara a figura do seu pai, que o admiraba tanto. Ela estaba moi enfadada porque ningún goberno restaurara a figura de Casares Quiroga, a quen intentaron borrar do rexistro oficial de nacemento. Iso era algo que ela nunca perdeu e que sempre quedou aí. Tamén tiña medo a sentirse utilizada politicamente, precisamente por esa xente que non restaurara a súa familia e agora querían colgarse unha medalla.