Roberto Fernández Álvarez: «A literatura segue sendo máis urbana e hai moito que contar no ámbito rural»

CULTURA

«A inmoral doutora Cons», novela coa que gañou o premio Eduardo Blanco Amor, trata dunha muller médica nos anos cincuenta
30 nov 2022 . Actualizado a las 08:53 h.Roberto Fernández Álvarez (Ourense, 1967) fíxose co premio de novela longa Eduardo Blanco Amor 2002 pola súa obra A inmoral doutora Cons. Presentada baixo o pseudónimo de Carme Leonor Friedmann, a novela deste médico rural de profesión foi seleccionada de entre 25 orixinais que optaban á vitoria neste certame. Organizado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, está dotado con 15.000 euros e unha peza escultórica de Acisclo Manzano. Tamén a publicación do libro na editorial que elixa un autor que onte se encontraba totalmente emocionado. «Síntome como se gañase o Premio Nobel en galego, porque para min é o que significa o Premio Blanco Amor», dicía.
—A súa novela mira ao rural galego dos anos cincuenta.
—A obra vai dunha médica que chega a unha aldea do rural galego, de Ourense. Trata de modernizar e cambiar as cousas, pero hai moitas inercias e trabas. A principal é que o feito de que sexa unha muller e nova impídelle levar a cabo o seu obxectivo.
—Vostede é médico rural. Hai moito da súa experiencia na obra?
—Ten que ver moito coa miña profesión e, sobre todo, cunha parte que levo investigando desde hai moito, que é a medicina rural. Nese campo teño algúns artigos publicados. Tratábase de levar iso ao mundo da ficción.
—Unha muller nese momento e nese ámbito era algo insólito. Ten unha perspectiva feminista?
—Daquela as mulleres xa tiñan moi difícil o acceso á carreira de Medicina. Pero despois era atípico e moi chocante ver a unha muller traballando no medio rural. Se a medicina se consideraba unha cousa de homes, na rural case estaba proscrito o acceso da muller. Ela atreveuse e tivo que loitar con moitos imponderables.
—Xa gañou un Premio de Ensaio Vicente Risco. Ten relación coa súa faceta narrativa?
—Si, aquilo foi a historia que fixen da medicina rural en Galicia. Dinme conta, traballando nese estudio, que ás veces o médico tiña oposición das forzas vivas dos pobos. Tiña que traballar ás veces aliado con elas e outras enfrontado. Nun mundo tan hermético e tóxico era moi difícil que puidese acceder unha muller.
—No audiovisual existe a tendencia de retratar esas relacións tóxicas en poboacións illadas de Galicia. Influíulle?
—Non, a verdade é que non. A literatura non entrou tanto nesta tendencia. Segue sendo máis urbana e é unha pena, porque hai moito que contar, como o está facendo o cine. O ámbito rural é un pequeno laboratorio do que é o mundo. Eu tiña o coñecemento, pero faltaba a versión de ficción. Como levar iso ao lector de maneira de que o pasase ben? Quería que o lector vise o que pasaba no consultorio dun médico rural e no domicilio dun doente rural. Pareceume que podía ser interesante e vin que, ademais, non era un camiño moi trillado, sobre todo sendo unha médica.
—Esta é a súa primeira novela.
—Si, teño escrito relatos, pero non publicados en editoriais grandes. Agora sentía a necesidade de facer unha novela para expresar o que eu xa coñecía dunha maneira científica e metódica, pero noutro ámbito.