RAG e Concello da Coruña abrirán o ano Murguía o 1 de febreiro cunha homenaxe no cemiterio de Santo Amaro

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Manuel Murguía (Oseiro, Arteixo, 1833-A Coruña, 1923).
Manuel Murguía (Oseiro, Arteixo, 1833-A Coruña, 1923). RAG

A conmemoración do centenario do pasamento -morreu o 2 de febreiro de 1923- continuará coas xornadas sobre a figura e o legado do intelectual

25 ene 2023 . Actualizado a las 23:45 h.

A Real Academia Galega (RAG) e o Concello da Coruña abrirán o 1 de febreiro as celebracións do centenario do pasamento de Manuel Murguía (Arteixo, 1833) cun acto institucional no pazo municipal de María Pita que terá lugar tras a descuberta dunha placa conmemorativa no cemiterio de Santo Amaro. O académico Ramón Villares lembrará a figura do primeiro presidente da RAG para destacar a súa contribución na creación da historia de Galicia «como un relato global interpretativo do seu ser», o seu traballo político como dirixente do rexionalismo de orientación liberal e mais o seu papel da institucionalización da cultura galega mediante a fundación da RAG. O programa de celebracións continuará ao día seguinte —morreu na Coruña o 2 de febreiro de 1923— coas Xornadas Manuel Murguía, que revisitarán a figura do intelectual os xoves 2, 9 e 16 de febreiro desde A Coruña, Santiago e Padrón.

Vai facer cen anos daquela xornada en que unha multitude lle deu o último adeus —dous días máis tarde do falecemento— na Coruña, cidade na que viviu os seus últimos anos. O cortexo fúnebre percorreu as rúas antes de que os restos mortais do primeiro presidente da RAG recibiran sepultura en Santo Amaro. Alí, ao pé da súa tumba, abriranse o vindeiro martes os actos de conmemoración. Ás 12.00 horas descubrirase unha placa conmemorativa encargada pola RAG e o Concello ao deseñador Pepe Barro. Unha hora máis tarde, celebrarase un acto institucional no salón de plenos do pazo de María Pita, onde Villares enxalzará unha «figura central da cultura galega contemporánea canda Rosalía [de quen fora esposo], que é a escritora fundadora da literatura galega moderna», lembra o historiador lugués.