Redrum sobe ás táboas a violencia sobre a infancia co «Hamelin» de Mayorga

CULTURA

A peza, que se estrea o día 23 en Santiago, propón unha continua reflexión e anima a imaxinación pola vía da elipse
16 feb 2023 . Actualizado a las 16:29 h.
Imaxinar moito máis aló do que se amosa na escena. Reflexionar todo o tempo. A iso convida Hamelin, o novo espectáculo de Redrum Teatro, que adapta por segunda vez ao galego un texto do dramaturgo Juan Mayorga, distinguido no 2022 co Premio Princesa de Asturias das Letras. Despois do éxito de O mozo da última fila, tamén obra do reputado autor madrileño, a compañía galega regresa ás montaxes de gran formato cunha peza que aborda as violencias sobre a infancia e a pederastia, «pero o que se fai é unha radiografía da nosa sociedade», sinala o director, Álex Sampayo. O espectáculo estrearase o vindeiro 23 de febreiro en Santiago (20.30 horas, Teatro Principal), onde repetirá función ao día seguinte para logo emprender unha xira.
O texto co que no 2005 Juan Mayorga recibiu o premio Max está inspirado nun caso real no barrio barcelonés do Raval a finais dos anos 90 sobre unha presunta rede de pederastia na que a Xustiza tratou de involucrar aos pais dos menores procurando demostrar que consentían a cambio de cartos. A partir de aí xorde unha proposta de ficción «con moitas luces e sombras». «A montaxe faite reflexionar todo o tempo e ponte na pel de cada un dos verdugos. Nesta obra todos son verdugos e temos só unha vítima, que é o neno, o rapaz, a infancia», resalta Sampayo, que incide na vixencia da proposta porque «rapaces que sofren e verdugos, xente que os fai sufrir, van existir sempre: chámese pederastia, guerra ou acoso».
Redrum aposta por hora e media de espectáculo áxil, moi rápido, no que continuamente se suceden feitos: «É como un thriller onde o espectador tamén xoga a descubrir se menten ou non, se o que están facendo sucede de xeito acorde coa protección dos menores ou hai outro tipo de intereses», di o director e encargado da adaptación, que contará nas táboas son Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Machi Salgado, Belén Constenla, Fran Lareu e Rubén Porto, que levan traballando meses neste espectáculo, en varias fases, con ensaios desde xaneiro en Santiago e no auditorio da Illa de Arousa.
Sampayo explica que a intención da proposta é ser o máis fieis posibles ao texto de Mayorga, aínda que non é doado, «xa que os seus diálogos están cheos de dobres sentidos». Isto, apunta, fai que a visión igual non sexa a mesma que a que poida ter o propio autor. «Á saída do espectáculo, ti como espectador vaste quedar cunha idea e a persoa que te acompañou ve outra cousa [...]. Esa é a maxia do teatro, que xere debate e controversia», subliña.
Tras a súa estrea en Santiago, Redrum Teatro recalará con Hamelin en Cangas (4 de marzo), Pontevedra (9 de marzo), A Illa (1 de abril), Lugo (20 de abril), Teo (28 de abril) e Verín (6 de maio). Este é o décimo sexto proxecto da compañía nada no 2009 e o segundo cun texto de Mayorga, un autor co que estableceron un forte vínculo a raíz de O mozo da última fila. Así o amosa que o dramaturgo os elixira para facer a representación en castelán do espectáculo en Oviedo cando lle entregaron o Princesa de Asturias. Está previsto que acuda o día 24 á función en Santiago.
Escenografía e vestiario mínimo, música en directo e un anotador para o que non se ve
O dramaturgo Juan Mayorga propón unha montaxe sen escenografía, sen vestiario, sen iluminación, onde todos eses elementos os poña o espectador. «Como iso é imposible», detalla Álex Sampayo, tratan de ser o máis asépticos posibles, co elenco artístico vestido todo de negro, aínda «que achegará un pouco as características de cada personaxe, pero sen remarcalo demasiado». Tamén a escenografía é mínima, cunha especie de cubos que funcionan como cadeiras que irán xerando distintas situacións. En canto á iluminación, correrá a cargo dos propios intérpretes. Ademais, como engadido, Hamelin dispón de música en directo onde os actores tocan o órgano, o fliscorno e o clarinete. «Con isto créase un xogo teatral moi intenso porque obriga a imaxinar», afirma. Na representación xoga un papel moi importante a figura do anotador, como un narrador que vai poñendo en situación, explica o que pensan os personaxes ou «relata cousas que non se ven en directo pero que están pasando» xa que as escenas están cheas de elipses. «O tema da pederastia está, pero non é algo obvio nin no que alguén se poida sentir ferido, porque todo vai suceder na cabeza do espectador», advirte Sampayo.