Rafael Pillado, in memoriam

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

17 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O22 de febreiro, centos e centos de xentes de ben despediron, no cemiterio de Catabois (Ferrol), a Rafael Pillado, un dos grandes nomes da loita obreira contra o fascismo da Era de Franco. De feito, o gran Rafael morreu dun cancro producido polo amianto, que tamén intoxicou os pulmóns dos traballadores da Bazán, o estaleiro estatal e militar no que Pillado protagonizou reivindicacións que xa están nos libros de Historia.

Séndomos rigorosos, eu esperaba (mellor dito, desexaba) un adeus con decenas de miles de asistentes, como, en 1925, aconteceu no enterro de Pablo Iglesias, pero estamos nun tempo en que a moitos medios de comunicación non lles interesan determinadas biografías, mercé ás cales, por certo, tantos e tantos cidadáns comen quente.

De todos os xeitos, os centenares de homes e mulleres que se deron cita no cemiterio de Catabois transmitían, como nunha vella película rusa dos anos vinte, respecto, gratitude e admiración por aquela vida que o amianto tronzou aos 81 anos. O seu irmán Raúl clausurou as homilías laicas cun poema escrito con versos contundentes: «Al fin te han matado, Rafael, / no pudieron con las balas, con la cárcel, / pero utilizaron el arma del amianto». Sabido é que a última proeza cívica de Rafael Pillado foi gañar a batalla legal para outros afectados polo perigoso mineral.

No adeus do día 22 aínda estaban compañeiros dos acontecementos do 10 de marzO de 1972, cando a policía franquista disolveu aquela magna manifestación de obreiros a tiros e na que caeron Amador e Daniel e foron feridos máis de cen manifestantes, entre eles, Julio Aneiros, quen fora, na Bazán, unha mestura de Pablo Iglesias e Giner de los

Ríos. Algúns espíritos moi críticos preguntan ás veces se pagaron a pena tantos anos de prisión, tantas horas de tortura e tanto tempo de desacougo familiar. A resposta debería ser clara: hoxe sen o sacrificio de Rafael Pillado e moitos outros (Aneiros, Paco Figueiras, Paco Balón, Amor Deus, Rioboo...) estariamos peor. Por outra parte, como se dixo nunha das intervencións de Catabois, «somos soldados derrotados dunha causa invencible».