«Pranto polo Seminario de Estudos Galegos»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

31 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

En setembro de 1936 —dous meses despois da ominosa Sublevación—, don Ramón Otero Pedrayo escribe un poema que titulou A Estadea, extensa composición de 138 versos, 18 deles en latín. Sabido é que don Ramón fora o último presidente da gloriosa institución, creada, en outubro de 1923 (hai cen anos), por un pequeno grupo de estudantes inquedos e galeguistas (Lois Tobío, Xosé Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brey...). Neste primeiro centenario é de elemental xustiza lembrar A Estadea (sinónimo de Santa Compaña) e evocar as circunstancias nas que este insólito texto se produciu.

O poema está protagonizado por dez investigadores, nove dos cales son espectros, estantigas en procesión, como acontece nas estadeas descritas polo credo popular: o escritor Vicente Risco («na man, o fémur xigantesco de Breogán»), o arqueólogo Florentino L. Cuevillas, o historiador Xesús Carro, o naturalista Lois Iglesias («lepidopterizando nas caretas»), o propio Otero Pedrayo («fuma o seu charuto»)...

Decapitado o Seminario pola brutalidade do novo Réxime, o autor amósanos a nove dos seus membros como persoas que, feridas polo feito, morreran; de aí que vaian, como espectros, nesta singular Estadea, na que esas estantigas portan ou ofrecen trazos non exentos de humor para non dramatizar en exceso a procesión mortuoria.

Pero, dos dez, hai un que, na procesión, camiña como persoa que está entre os vivos, que non morrera. Trátase do etnógrafo, especialista en cultura material, Xaquín Lorenzo Xocas, que acababa de chegar doente a Ourense, procedente de Villablino (León), onde fora gravemente ferido. O autor d´A Estadea, consciente da súa preocupante situación, non o caracteriza como morto («i é o soio vivo qu´hai en tanta xente»). De feito, a ocasión na que escribe A Estadea Otero Pedrayo é a chegada a Ourense do soldado ferido na guerra, aínda que a causa é a mágoa que lle produce ao autor a decapitación dunha institución que el tanto amaba e da que tanto esperaba. Por iso, cando en 1998 exhumei e publiquei o insólito poema, tituleino A Estadea ou Pranto polo

Seminario de Estudos Galegos.