Son moitos os que saben que o gran poeta galego Manuel Curros Enríquez, nado en Celanova en 1851, morreu na Habana en 1908, case trinta anos antes da sublevación militar que tanto asoballamento e tanta miseria causou en Galicia. Pero tamén é certo que Curros Enríquez, dalgún xeito, tamén foi fusilado en Tui o 9 de decembro do tráxico 1936.
En xullo dese ano, era alcalde da Guarda polo Frente Popular, Brasilino Álvarez Sobrino, que nacera nesta vila pontevedresa o 27 de xullo de 1894 e que, de novo, emigrara a Porto Rico, destino, daquela, de moitos emigrantes guardeses. En San Xoán, de Porto Rico, onde traballou como comerciante, afiliouse á loxa masónica Patria co nome simbólico de Curros Enríquez, e foi a súa condición de masón un dos principais cargos para a condena a morte por un consello de guerra. Antes da execución, fíxolle chegar á súa nai unha carta na que lle comunicaba: «Mi único pensar es el dolor que le he causado a usted, querida madre».
Debo esta carta e outros valiosos documentos a José Antonio Uris, que foi xuntando, ao longo de anos, un riquísimo arquivo sobre a represión franquista —terrible— no Baixo Miño. Eu xa publicara, hai anos, unha carta arrepiante de Brasilino, no meu libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), aparecido en Edicións Xerais no 2009. A carta, dirixida a Juan Noya, amigo e «irmán» (ambos no Partido Galeguista), finalizaba deste xeito: «Vive muchos años y sé feliz / ¡Viva la Libertad! ¡Viva el Frente Popular!».
Hai tempo que se sabe que Curros Enríquez ingresou, como masón, en 1881, na loxa Auria, de Ourense. Pois, ben, cando os soldados do pelotón de execución dispararon contra o corazón de Brasilino Álvarez, disparaban, á forza e sen sabelo, dalgunha maneira, contra o poeta progresista Curros Enríquez.
Brasilino posúe unha biografía que merece ser contada e publicada: emigrante que foxe dos poucos horizontes da súa terra e que logra, con intelixencia e esforzo, un pasar acomodado, situación que non lle impide comprometerse en 1936, polo seu acento social, co Frente Popular. Posto a rebautizarse, escolleu o nome de Curros Enríquez, aquela musa rebelde.