O exilio sen fin de Bieito Cupeiro: «A familia quere que descanse en Fene»

Patricia Hermida Torrente
patricia hermida FENE / LA VOZ

CULTURA

Mestre «ad honorem». Bieito Cupeiro, retratado en Bos Aires. Á dereita, a súa filla Marina, en Fene.
Mestre «ad honorem». Bieito Cupeiro, retratado en Bos Aires. Á dereita, a súa filla Marina, en Fene.

O intelectual, aliado de Castelao en Bos Aires, dedicou a súa vida ao galego

13 abr 2023 . Actualizado a las 18:18 h.

En 1950, Bos Aires tiña 100.000 galegos censados. E entre eles figuraba Bieito Cupeiro (1914-1993): fenés de 36 anos, mestre e escritor que en Arxentina só puido exercer como comercial de medias e fabricante de bonecas con tal de non renunciar a Galicia. O exilio de Cupeiro non deixa de ser a historia de todos os exilios. Nunha diáspora marcada pola Guerra Civil, con ideas socialistas e morriña de estaleiros, converteuse nun dos principais intelectuais galegos en América. Aliouse con Castelao, considerado sempre o presidente de Galicia no desterro. E dedicou de tal modo a vida á súa terra que a súa filla Marina Cupeiro chegou onte a Fene falando nun perfecto galego: «Veño porque a familia quere que Bieito descanse en Fene, merece estar cos seus pais».

Natural da parroquia de Barallobre, morreu con 79 anos e as súas cinzas atópanse no Panteón do Centro Galego de Bos Aires. «Os meus fillos Damián e Sebastián non coñeceron ao avó, pero eu faleilles sempre dun home reservado, moi apaixonado coas súas crenzas, sempre dialogante pero tan fiel ás súas ideas que loitou por elas toda a súa vida», explica Marina, que viaxou ata Galicia co seu marido, Adrián Lorenzo.

Cupeiro vinculouse coa Federación de Sociedades Galegas, coa Irmandade Galega e co xornal A Nosa Terra. Foi mentor e asesor das Mocidades Galeguistas, dirixiu a revista Orzán e colaborou con Vieiros. Publicou con Ediciós do Castro Xornes e A Galicia de Alén-Mar. E sobre todo deu moitas clases, «pero sen cobrar (ad honorem) porque non renunciou á nacionalidade española. Por iso traballou como comercial de medias e tivo unha fábrica de bonecas. Defendeu tanto as súas raíces que nunca renunciou á súa cidadanía e así non tivo un emprego público», lembra a filla. 

O Concello de Fene amósase aberto a colaborar para que as cinzas de Cupeiro repousen no cemiterio municipal ou outro espazo da zona, xa que hai un paseo marítimo co seu nome. Segundo o alcalde, Juventino Trigo, haberá que «avaliar as cuestións legais do traslado desde Arxentina dos restos». Amosa «a disposición para que de volta a Fene se lle faga a homenaxe que se merece». De Fene, Bieito recordaba «as botaduras que tanto lle gustaban, os estaleiros e a granxa (chacra) da súa familia onde coa polio se converteu nun gran lector». Marina indica que «tiña morriña da paisaxe e das súas xentes». O pai de Bieito Cupeiro xa era comercial entre Galicia e Arxentina; a nai quedou en Galicia pero todos os fillos emigraron (tres homes e dúas mulleres). A estampida final foi a Guerra Civil, cunha estirpe de simpatizantes socialistas na Galicia de 1936: «A nai puxo os fillos nun barco e díxolles que prefería non velos nunca a velos mortos, e así foi porque non os volveu a ver». 

Un home de radio

Ao igual que moitos dos que tiveron que fuxir, «el buscaba unha sociedade máis xusta, na que todo o mundo puidese comer en condicións». O pai de Bieito tamén tiña ese espírito solidario, ata o punto de que «os aborixes dunha provincia do sur bautizaron un morro (pequena montaña) co nome de Cupeiro porque lles axudou a esconderse dos ingleses». O intelectual fenés tamén foi un home de radio, que guionizaba os programas que a Radio Nacional Argentina dedicaba aos exiliados: «Como Galicia na América, que se emitía os sábados; el encargábase dos guións para difundir esa cultura galega xunto con tantos emigrantes».

Por Castelao, un príncipe no exilio, «sentía tanta admiración que era incapaz de expresalo, tiña as súas obras como nun altar xunto a Rosalía e Curros». Bieito sempre «añorou a súa terra natal pero ao mesmo tempo tiña medo ao que se atoparía aquí, pero a mellor recompensase sería que descansase cos seus pais», indica Marina nun galego con acento do Río da Plata.