Galicia enteira, de Lourenzá a Vigo, festexa a afouteza de don Paco

lidia fernández LOURENZÁ / LA VOZ

CULTURA

Membros da numerosa familia de don Paco asistiron ao pleno extraordinario da RAG que lembrou o decisivo papel do intelectual na cultura galega do século XX.
Membros da numerosa familia de don Paco asistiron ao pleno extraordinario da RAG que lembrou o decisivo papel do intelectual na cultura galega do século XX. Xaime Ramallal

«Estamos coñecendo outras facetas do noso tío avó», agradecía leda a familia de Fernández del Riego o encontro de Lourenzá en torno á RAG e o intelectual lugués

18 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ningún recuncho do país quedou calado este mércores na celebración grande das Letras. Galicia enteira ría, cantaba e bailaba, de Lourenzá a Vigo pasando por Xinzo e Pontedeume, toda a comunidade festexou a afouteza de don Paco, quen non se rendeu para levar a cultura propia cara o futuro. Desde o pleno da RAG, pasando polo cortexo cívico eumés, ata a exposición que La Voz levou a Vigo, ante a Fundación Penzol, que gaba o vínculo xornalístico e vital que o escritor mantivo co xornal e, por extensión, co país.

Dese país de festa falou Alfonso Rueda en Lourenzá: «Na Galicia actual a lingua non é motivo de confrontación. Ao contrario, é un elemento de unión». Así de contundente se amosou o presidente da Xunta no acto institucional organizado para render tributo a Francisco Fernández del Riego con motivo do Día das Letras. «Hai que defender o tesouro colectivo que é o galego e normalizar o seu uso en todos os ámbitos, tanto públicos como privados», aseguraba na súa intervención. Pero se houbo alguén que traballou arreo na defensa da lingua galega, ese foi o escritor homenaxeado. A súa prolífica carreira dá testemuño dos esforzos que fixo Fernández del Riego a prol da nosa cultura, dándolle visibilidade e dignificando o seu uso para propios e alleos.

Ata Lourenzá se achegou parte da familia de don Paco, que recibiu o apoio dos alí reunidos. Intelectuais, representantes das principais institucións, tanto autonómicas como da comarca mariñá, que acudiron ao chamamento para festexar a un grande da cultura, e que encheron o multiusos Ponte de Cuñas. A expectación era tal que os organizadores tiveron que facerse con bancos adicionais para acomodar a todos os presentes. Veciños, visitantes, membros da RAG, familiares e amigos do homenaxeado enchían o gran salón habilitado para celebrar o pleno extraordinario da Real Academia Galega.

Todos eles só tiñan verbas de agradecemento ao labor realizado durante tantos anos por este fillo ilustre de Lourenzá. «Con este tipo de actos estamos coñecendo unha nova faceta do noso tío avó. É unha experiencia incrible escoitar o que a Academia ten que dicir sobre el. Estamos aprendendo moitas cousas del que descoñeciamos ata o de agora». Así se pronunciaba Carlos, un dos familiares de Fernández del Riego que non quixo perder a homenaxe preparada na vila natal do escritor. A pesar de que a súa vida está en Vigo, tanto el como toda a súa familia afirman ter vínculos moi fortes coa Mariña e, en especial, con Vilanova de Lourenzá. Afincada en Vigo está tamén súa nai, Ana. Sempre estivo moi unida ao seu tío. «El nunca tivo fillos pero queríanos coma se fósemos seus. Eran once irmáns e todos se levaban moi ben. Temos unha familia moi extensa», asegura a filla dunha das irmás de del Riego e que leva semanas sen descanso polos actos conmemorativos dedicados ao intelectual lugués. «Estamos moi orgullosos pola repercusión que tivo o seu traballo, e encantados de que se lle estea dando o espazo que merece», conclúe.

«Isto é un non parar, pero merece a pena celebrar unha figura tan relevante das nosas letras», asegura Elena, filla de Ana.

Ademais desta rama da familia, tamén acudiron aos actos outros familiares residentes en Ourense.