
Sobre as eleccións do 28 de maio acabo de recibir unha extensa carta (vía correo electrónico) do meu vello colega Pietro Molteni (fillo), profesor, xa xubilado, de Filoloxía Románica e moi versado, como sociolingüista, no galego, idioma ao que el se achegou desde a perspectiva do sardo, que coñece moi ben. Como lembrarán algúns lectores, o profesor Molteni naceu na illa de Sardeña, concretamente na localidade de Ales, berce dun dos grandes pensadores do século XX, Antonio Gramsci (1891-1937). O vello profesor, como bo sociolingüista, está moi interesado na política, e non é estraño nel que fose un lector atento, moi atento, dos resultados electorais do 28 de maio, tanto en Galicia como noutros territorios de España.
Na carta, escrita dous días despois dos comicios, fai uso dunha información cuxa fonte ignoro: «Xa sei, señor Alonso, que vostede está moi abatido, como nunca, din algúns achegados seus». E engade: «Non é para menos, pois a voz da verdadeira esquerda, mesmo en Vigo, a súa cidade, sendo unha voz útil e moderna nin sequera acadou o cinco por cen dos votos». Quizais os informantes do profesor sardo non lle describiron con precisión o meu estado de ánimo, non só ante os resultados, senón ante os exiguos votos acadados en Madrid, Valencia, Sevilla, Zaragoza, Ourense...
Na carta, o señor Molteni reflexionaba sobre os principios políticos de Gramsci, para chegar á conclusión de que, tras duros anos de prisión e torturas, eses principios seguiron sendo o faro da súa vida e do seu xigante labor intelectual. Tamén concluía —non sei se pensando en 1937 ou no 2023— que «nós somos soldados derrotados —mil veces derrotados— dunha causa invencible». E engadía que non abonda coa grandeza e a lealdade a unhas grandes ideas, que cómpre, na praxe (na práctica electoral e diaria), o compromiso coa unidade das forzas transformadoras. Na posdata subliñaba: «Lémbrese, mutatis mutandis, o Frente Popular de febreiro de 1936». Ás veces, na carta, Molteni alporízase ante o feito de que as forzas progresistas non se unan na loita electoral (e na posterior), e ata fala de «culpables».