O premio Losada Diéguez recoñece a novela de Moncha Fuentes e o ensaio de Manolo González
CULTURA

O xurado enxalza a ficción «O tradutor de sombras» e a investigación «Nos días encantados de agosto. Biografía de José Gil. Para unha historia do cinema en lingua galega»
24 jun 2023 . Actualizado a las 21:26 h.O Pazo de Moldes (Boborás) acolleu este sábado a entrega do premio Antón Losada Diéguez, que ten como obxectivo manter viva a memoria do fundador da revista Nós e que chegou a súa trixésima oitava edición. Os actos en homenaxe ao intelectual galeguista comezaron cunha misa na igrexa de San Mamede e unha ofrenda floral a Losada Diéguez por parte do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a Manuel Chamoso por parte de Carlos Rodríguez, presidente do centro de estudios Chamoso Lamas, fiel defensor do patrimonio cultural da comarca e quen dirixiu a restauración desta igrexa.
Na xornada volveu a quedar de manifesto o esforzo dos concellos do Carballiño e Boborás por reivindicar a súa contribución á cultura galega. Neste senso manifestouse o alcalde carballiñés, Francisco Fumega: «Agradecemos aos gañadores o seu compromiso coa cultura galega, porque un país con cultura e un país con futuro», dixo. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou que hai poucos galardóns en Galicia que premien as modalidades de investigación ensaio e creación literaria. Nesta edición resultou galardoado na modalidade de investigación e ensaio Nos días encantados de agosto. Biografía de José Gil. Para unha historia do cinema en lingua galega (Editorial Galaxia), obra de Manolo González. Trátase dun traballo novidoso que dá a coñecer a vida e a obra dun creador excepcional e pioneiro ata agora ignorado.
Na modalidade de creación literaria concedeuse o premio a O tradutor de sombras (Edicións Xerais), de Moncha Fuentes. É unha novela que incita a experimentar e gozar cos cinco sentidos, unha invitación á reflexión que conmove e remove os sentimentos, cun uso extraordinario do idioma.
Manolo González asegurou que a intención da súa obra foi realizar unha monografía de José Gil, «o verdadeiro pioneiro do cine en Galicia», honrando así a súa memoria «porque o que non se nomea non existe». Moncha Fuentes, pola súa banda, agradeceu aos concellos que promoven o premio o seu esforzo por seguir convocándoo e insistiu en que «a escrita en galego segue a ser un acto de resistencia». A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, pechou o acto e asegurou que se seguirá traballando para recuperar a memoria e a cultura galegas. O xurado subliñou a gran calidade das obras presentadas.