
O produtor destaca a versatilidade paisaxística de Galicia e admite que non lle apetece pasar á dirección
27 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Hai apenas un mes que Alfonso Blanco (Freixido, Petín, 1970), ao que todo o mundo coñece como Fosco, foi nomeado presidente do Clúster Audiovisual Galego. Aválano trece anos á fronte de Portocabo, a produtora galega que el mesmo fundou e que está detrás de traballos tan premiados como Rapa, Hierro ou Cuñados. Coruñés de acollida, é un dos produtores executivos máis recoñecidos do noso país.
—Cómo levan o éxito de «Rapa»?
—A verdade é que é unha situación moi excepcional: que a serie mais vista dunha plataforma sexa producida por unha empresa galega, rodada en Galiza e con actores —excepto Javier e Mónica— íntegramente galegos. Se mo din hai uns anos diría que era imposible. Cando empezaba pensaba: oxalá poidamos facer algo de éxito rodado só aqui.
—A cidade de Ferrol é un personaxe máis.
—Cando deseñamos a serie ao principio, a nosa idea era que se a cousa funcionaba, a segunda tempada sería alí. Era unha máxima. A mín gústame moito, paréceme que ten moitísima personalidade e moitos contrastes. Dramáticamente para pensar unha historia é moi potente.
—Galicia é un bo plató de rodaxe?
—Indiscutiblemente. Agora mesmo Galicia ten o mellor diferencial de España e un dos mellores de Europa. Faltaríanos redondear as comunicacións. A variedad paisaxística é tremenda, e non o digo porque eu sexa galego. A isto únese un sector audiovisual moi maduro. Por Rapa van pasar 133 actores galegos, cun nivel de esixencia altísimo. Javier Cámara dicíamo segundo ían pasando os capítulos: «Pero cantos actores bos hai aquí?».
—Os produtores executivos sodes máis homes de negocios que directores?
—En realidade é a persoa responsable da produción desde o folio en branco ata a estrea. Eu estou co guionista cando escribe, cos montadores cando editan ou cos comerciais cando hai que vender. Temos que facer equilibrios entre o traballo creativo e a parte industrial.
—E non lle apetece dirixir?
—Non, a verdade é que non, porque me obrigaría a un nivel de dedicación que non me permitiría liderar unha compañía na que teño que levar bastantes produtos á vez. Sei facer o que fago e creo que se me dá razoablemente ben. Non teño tentación de pasarme ao outro lado.
—Nesta industria ás veces fanse produtos pensando máis no prestixio que na audiencia?
—Creo que teñen que existir ambas as cousas. Se só existen producións de nicho mal imos e o mesmo se facemos cousas á carta. Esa era a escusa de Telecinco: é que a xente o ve. Xa, pero seis horas de Sálvame cada día, aínda que durou, xa vemos como terminou. Creo que a industria ten que ser madura para que todo poida convivir. A miña nai ten que seguir tendo cousas que ver na televisión, porque senón poñerase a ver series turcas. Hai un equilibrio perfecto: plataformas, nicho e televisión en aberto.
—É o primeiro galego en formar parte da Academia dos Emmy.
—Hai dous anos recibín unha carta de Nova York dicindo: «Pola túa dilatada traxectoria queremos convidarte...». Aí pensei que algo estaríamos a facer ben en Portocabo.
—Envexa algo de Hollywood?
—Como industria, o que nos podería facer máis competitivos é pensar na produción europea como concepto. Nun momento no que hai voces que opinan que a Unión Europea non é necesaria, sobre todo desde a extrema dereita, só nos queda educación e cultura, non podemos facer outra cousa. Polo momento que nos toca vivir, cantas máis fronteiras rompamos mellor.
—Cre que o cine é caro?
—De ningunha maneira. Eu son un cinéfilo convencido, cada euro que pago de entrada, o que me devolve é multiplicado. Compároo co que gasto en ir tomar algo cuns amigos e non é caro. Ir ás salas tamén é educación, intento ir cos meus fillos, como os meus pais fixeron comigo.
—Entón se lle pregunto pola última película que foi ver...
—Desgraciadamente foi Los Guardianes de la Galaxia 3. O meu fillo de 12 anos é moi fan.
—Dígame entón unha serie que ver en bucle.
—Antidisturbios de Sorogoyen é fascinante. E por dicir outra: Vida perfecta. Dous tipos de serie que me dan unha alegría enorme ver en pantalla.
—Gústalle o deporte?
—Era un tolo do baloncesto. Conseguino un pouco: xoguei no Caixa Ourense naquel ascenso que nos levou á ACB, eu era da canteira.
—E no fútbol: Celta ou Dépor?
—Son do Dépor por adopción. Vin á Coruña a estudar desde Ourense e quedei. Os meus fillos naceron aquí. Vivín a época dourada do Dépor e puiden saír a celebrar. Aínda que como ourensán, Vigo tamén tira moito e non hai rivalidade. Pero vivo á beira de Riazor, son do Dépor.
—Unha noticia que lle gustaría ler mañá na Voz.
—Soa a tópico, pero é tan dramático, que querería ler un acordo de paz en Ucraína. Desgraciadamente afixémonos á guerra.