Rosa Álvarez recibiu en Ribadavia o agradecemento do teatro galego

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

A actriz Rosa Álvarez recolleu o premio da Mostra e mais o cariño dos seus colegas.
A actriz Rosa Álvarez recolleu o premio da Mostra e mais o cariño dos seus colegas. Santi M. Amil

A directora e actriz recolleu o Premio de Honra da academia no marco da MIT

21 jul 2023 . Actualizado a las 19:00 h.

Grazas foi a palabra máis repetida este venres na Casa do Concello de Ribadavia. A entrega do Premio de Honra da Academia Galega de Teatro a Rosa Álvarez (Carballeda de Avia, 1950) converteuse nun acto de amor do sector á figura e á obra da actriz e directora. Celebrouse no marco da Mostra de Teatro Internacional de Ribadavia (MIT), cuxo xerme foi a Mostra Abrente, na que Rosa participou activamente e da que este 2023 se celebra o 50 aniversario.

Dos méritos profesionais e persoais de Rosa Álvarez deu conta un abarrotado salón de plenos repleto de compañeiros, amigos e veciños da vila. Os sons de Fly me to the moon deu inicio un acto dirixido por Inma Antonio, presidenta da academia, que foi dando paso os intervenientes. Porque de loar e relatar os seus valores encargáronse varios profesionais que se atoparon ó longo das súas carreiras cin Rosa.

A actriz Rebeca Montero, que non puido acudir ó acto por motivos persoais, deixou unha mensaxe gravada. «Queremos que todo o mundo saiba o que significas para nós, porque o noso é un oficio efémero e grazas a ti temos un convenio polo que cobramos como seres humanos», destacou. Tamén falou da súa parte humana, do seu apoio ó longo da súa carreira: «Cando me faltan as forzas e saír a traballar non é doado penso no teu brazo no meu ombreiro e digo: ‘Aí estamos'».

Esa parte de apoio constante ós actores que comezan tamén foi destacado polo intérprete Xosé Barato: «Quero mostrarche algo que normalmente non facemos, que é darche todo o noso cariño. Fixeches algo moi bo ó longo da túa vida, que foi coser xeracións, sen prexuízos. Quero agradecerche o cariño que mostraches sempre como directora. Nunca unha palabra máis alta ca outra, con amor e coidado. Téñoche un respecto profundo polo esforzo que fixeches na creación da asociación de actores, da que es socia número un. De maneira moi discreta deixaches ferramentas para que sigamos construíndo».

A dramaturga, pedagoga e directora teatral Ánxeles Cuña destacou varios fitos na carreira de Rosa Álvarez. Entre outras cuestións, sinalou que formou parte do elenco de Celtas sen filtros. «Una montaxe emblemática, un espectáculo áxil, crítico, divertido, ambicioso...», destacou. Recordou que Rosa estivo na primeira montaxe do CDG, en 1984, e do primeiro grupo de teatro formado só por mulleres, a compañía Malbarate, xunto a Mabel Rivera e Marisa Soto. Tamén destacou que no ano 2001, xunto ó seu marido, o actor Ernesto Chao, fundou a compañía teatral Lagarta, Lagarta. «Seguirás sendo por sempre unha muller libre e transgresora, por sempre teatreira e feita da materia da que están feitos os sonos», finalizou Cuña.

De falar dos dereitos laborais dos actores, polos que tanto loitou Rosa Álvarez, tocoulle a Xavier Estévez. Moi emocionado, dixo: «Toda a profesión se xogaba moito e hoxe ese convenio segue vixente e dános respaldo a todos nós».

Antonio Durán Morris cualificou o feito de coñecer a Rosa como un honor. Recordou cando converteu a súa compañía Artello en profesional. «Cando empezabamos eramos moi gamberros e ata que chegou Rosa non viu alguén coa capacidade e autoridade de facer ese traballo escuro para que o grupo saíse arriba», dixo. «Se non chega a ser por ela e por Ernesto Chao, Artello non tería despegado. Ese traballo só pode facelo alguén que ten moito amor polo teatro. Pouca xente é capaz de xuntarnos, pouca xente conseguiría o que ti hoxe», engadiu.

Rosa Álvarez pechou ao acto, emocionada e agradecida. «Sempre fun e son comunista e feminista», dixo orgullosa, mostrando o seu fular coa figura de Frida Kahlo. «¡Que viva o teatro galego!», finalizou.