
A Insua dos Poetas de O Carballiño acolleu este sábado a Festa da Palabra, dedicada ao escritor lucense
29 jul 2023 . Actualizado a las 21:32 h.A Insua dos Poetas de O Carballiño acolleu este sábado a Festa da Palabra, que estivo dedicada a Arcadio López-Casanova, histórico poeta e ensaísta lucense da xeración dos Novísimos que faleceu en abril do ano pasado. Neste marco, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, anunciou que a Cidade da Cultura custodiará e divulgará o seu legado. «López Casanova foi un home dunha auténtica cultura e enorme erudición literaria que fixo da súa obra unha enciclopedia atemporal de canto cultivou en poesía galega durante séculos», destacou Lorenzo.
En concreto, a Biblioteca de Galicia custodiará preto de catro mil libros da súa biblioteca persoal, que foron doados pola súa viúva, María del Carmen Paramio, en marzo deste ano.
«O noso obxectivo é traballar co material para crear unha colección coa obra completa e dar visibilidade ao gran traballo literario de Arcadio», explicou. Ó longo da súa carreira López-Casanova gañou numerosos premios, entre os que destacan o Adonáis de poesía ou o posto que acadou de finalista no Premio Nacional de la Crítica Española. Entre os seus títulos máis citados están Mesteres, La oscura potestad ou Liturxia do corpo.
Arcadio López-Casanova sumouse á lista de homenaxeados nos últimos anos entre os que están Ramón Piñeiro, Arturo Baltar, Xosé María Díaz de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Pura e Dora Vázquez ou Carlos Casares.
O director xeral de Cultura aproveitou a súa presenza na Insua dos Poetas para loar a celebración da catorce edición da Festa da Palabra que a acredita, dixo, como unha cita cultural consolidada: «É de xustiza recoñecer o traballo realizado desde este lugar, un espazo creado por iniciativa de Luís González Tosar que vén demostrando ser un activo dinamizador cultural cun gran traballo de proxección exterior das nosas letras».
No mesmo acto de homenaxe entregáronse os premios Insua dos Poetas 2023. Recibiuno na modalidade de literatura galega Concha Blanco, por ser pioneira na infantil e xuvenil. O apartado de creación artística foi para o fotógrafo Xulio Gil, e como iniciativa cultural destacouse a Festa da Istoria de Ribadavia.
Na defensa do medio ambiente premiouse o traballo da Fundación Eira e na categoría de cultura galega na emigración á familia Fragoso Pegito. O colectivo deportivo galardoado foi o Club Deportivo Arenteiro e, no apartado de acción social, a Federación Down Galicia.