O 3 de agosto a filóloga Anna Ferrari (Roma, 1944-2023) foi durmir fóra. Anna, que naceu co don da agudeza filolóxica, viviu moitos anos á beira de Aurelio Roncaglia, o seu marido, un dos eminentes filólogos europeos do XX. Chámase a filla deles Linda Gaya, nome que semella roubado a un cancioneiro trobadoresco. Moitos lletraferits de Galicia coñecemos a Anna, a Elsa Gonçalves (a súa grande amiga), a Luciana Stegagno, a Celso Cunha, a Harri Meier… en 1980 en Trier (Alemaña), a patria de Marx, no marco dun celebérrimo Congreso de Filoloxía galega ao que asistiron, entre outros, Ramón Lorenzo, Antón Santamarina, Ramón Piñeiro e Filgueira Valverde, que as filólogas italianas, sabias medievalistas, redescubriron con alborozo. Anna, xa antes de viaxar a Trier, estaba no ronsel intelectual de Marx e Gramsci.
En marzo de 1981 (días despois do golpe de Tejero), eu presidía, en Santiago, o tribunal que xulgou as primeiras oposicións a profesores de Instituto na materia de Lingua e Literatura galegas, no que Carlos Casares era un dos vogais. Nese mes, Carlos e mais eu tomamos moitos cafés no Derby con Elsa e Anna cando non estaban na casa de Piñeiro, do que eran devotas. Falabamos de case todo, incluso de Johan Servando, poeta do XIII que viñeran estudar in situ.
A profesora Ferrari, antes de achegarse á lírica medieval galega, xa era unha experta nos cancioneiros provenzais, para ela engaiolantes polas súas ilustracións e as anotacións musicais. Xa na etapa galaica, Anna, certo día, consulta en Lisboa, na Biblioteca Nacional, o Cancioneiro de Colocci-Brancuti, moito máis humilde, unha miguiña «caseiro», como dixo, conmovida, nunha conferencia en Compostela. Consultando aquel venerable e humilde Cancioneiro, á douta provenzalista caéronlle as bágoas sobre o folio que contiña un dos grandes poemas de amor da Idade Media europea: a cantiga de Mendiño. Sei que algúns investigadores posteriores, ante aqueles versos pouco lexibles, teñen lamentado o suceso das bágoas, sen se decataren de que as bágoas de Anna Ferrari tiñan o sal da ría de Vigo e o recendo da illa de San Simón.