
A través dun escrito explica que o presidente e conselleiro delegado da editorial negáronse a emitir un comunicado contra as acusacións que verteu contra el o escritor Alberto Ramos
18 sep 2023 . Actualizado a las 16:39 h.Francisco Castro deixa a dirección xeral de Galaxia. A través dun comunicado difundido nas redes sociais do escritor e editor, este di non poder continuar na empresa tras non verse arroupado pola súa editorial tras ás acusacións que contra el fixo o escritor Alberto Ramos nunha entrevista en Praza.gal. «Non podo continuar despois de que a empresa, a través do seu Presidente e Conselleiro Delegado, se negase reiteradamente durante os últimos dez días a emitir un comunicado que desarmase as acusacións contra a Editorial publicadas no xornal Praza Pública no contexto dunha entrevista cun dos nosos autores», explicou.
«Coido que non ten sentido permanecer á fronte dunha empresa que decide moi conscientemente non defender en tempo e forma a súa imaxe ata agora impecable, o seu enorme prestixio e, sobre todo, a honorabilidade e dignidade do traballo das demais empregadas e empregados, publicamente cuestionadas», escribe o editor.
Ademais, sinala que esta actitude ven de atrás e que afecta tanto a súa vida privada como a súa ideoloxia política: «A miña conciencia impídeme representar nun cargo de alta dirección a unha empresa que, en múltiples ocasións, mais de xeito especialmente virulento nos últimos días, afeou nos seus órganos de xestión aspectos vencellados coa miña faceta artística, a miña vida persoal e as miñas actividades privadas, especialmente as que teñen que ver coa miña ideoloxía política publicamente recoñecida mesmo con anterioridade ao meu nomeamento como director xeral».
No seu escrito Castro lembrou que Galaxia foi «un soño colectivo iniciado en 1950 por un monllo de loitadores e loitadoras antifascistas que consideraron que a cultura podía ser unha inigualable munición contra o totalitarismo, e que, ademais, puxeron ese nobre obxectivo por diante dos seus intereses persoais».
«Se eses valores se esquecen e se cuestionan desde o propio corazón da empresa -continúa Castro-, non ten sentido que eu me manteña á súa fronte, e quizais a mellor maneira de loitar por eles sexa preservar todo iso que está na esencia de quen eu son e que tanto semella molestar: un escritor e un activista da nosa cultura que seguirei defendendo o ideario fundacional de Galaxia alí onde a vida me leve. De momento, toca non facelo desde un posto de responsabilidade nunha editorial que sempre considerarei a miña casa, pois os proxectos nobres e as institucións culturais permanecen, mentres que as persoas pasan».
Alberto Ramos, que publicou Os corpos dos Romanov en Galaxia tras gañar o concurso de novela de Repsol, afeou na citada entrevista a xestión de Francisco Castro ao fronte de Galaxia. Indicou que o seu libro está nas librerías á venda sen que asinase o contrato, acusou a editorial de querer cambiarlle o título á súa novela e cuestionou as políticas de promoción seguidas cos lanzamentos.