Francisco Castro dimite como director de Galaxia tras unha polémica en redes

HÉCtor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Castro, firmando exemplares dun dos seus derradeiros libros.
Castro, firmando exemplares dun dos seus derradeiros libros. Marcos Creo

O presidente da editorial, Antón Vidal Andión, defende o labor profesional do dimisionario, atribúe «todo este balbordo innecesario» a unha entrevista «desafortunada no persoal» e remítese á decisión que adopte o vindeiro consello de administración

19 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Castro (Vigo, 1966) presentou este luns a súa dimisión como director xeral de Galaxia alegando que non se sentiu respaldado despois de que o seu presidente e o seu conselleiro delegado «se negasen reiteradamente durante os últimos dez días a emitir un comunicado que desarmase as acusacións contra a editorial aparecidas no xornal Praza Pública no contexto dunha entrevista cun dos autores» do seu catálogo. Castro entende que a empresa decidiu non defender «a súa imaxe ata agora impecable, o seu enorme prestixio e, sobre todo, a honorabilidade e dignidade do traballo dos demais empregados, publicamente cuestionados». A súa conciencia, advirte, impídelle representar nun cargo de alta dirección a unha sociedade que, de xeito virulento, afeou nos seus órganos de xestión aspectos vencellados coa súa faceta artística, a vida persoal e incluso a súa ideoloxía política. Mesmo acusa á dirección de esquecer os ideais antifascistas que están na cerna da fundación de Galaxia.

O dimisionario rexeitou este luns engadir nada máis sobre o seu cese, a editora ou a orixe da crise, a entrevista de Alberto Ramos, que, ao fío da súa novela gañadora do premio Repsol, Os corpos dos Romanov, reprochaba a Castro [o pasado 8 de setembro] terse visto na obriga de pelexar por lograr un contrato de publicación e porque se respectara o título que lle puxera ao libro. A conversa despois derivaba noutras críticas á xestión de Castro ao fronte de Galaxia ao afirmar que se valía da súa posición para poñer a maquinaria promocional do selo a traballar en favor da súa propia obra e que non tiña favorecido a igualdade coa súa política editorial, e ata de cometer frivolidades neste ámbito.

Días despois Castro retrucáballe con dureza no seu blog, nun texto no que deploraba «o carácter persoal» dun ataque que se metía en cousas da súa «vida privada» e no que reivindica a súa autonomía absoluta, fóra do profesional, para a súa actividade artística e o uso que fai das redes sociais. Aí podía morrer o conto, pero as redes sociais non teñen cancelas, para o bo e tamén para o malo, e, chío a chío, post a post, retuit a retuit, xa había centos e centos de opinións, ironías, memes, adhesións, ofensas, verdades e medias verdades, trouleos e rexoubas que impediron que o debate se levase pola vía do sosego.

Lembrábalo este luns o presidente do consello de administración de Galaxia, Antón Vidal Andión. «As redes son un galimatías, están cheas de lixeireza. Viven da inmediatez, e a inmediatez pode ser valiosa cando se trata de asuntos urxentes pero non axuda para resolver estes problemas. É moi sinxelo atacar ás persoas polos postos que ocupan», reproba.

En canto á falta de reacción da empresa fronte a estes ataques ao seu funcionamento, explica: «Á marxe de que o consello non está no día a día dos contratos, como ocorre en calquera compañía, e non iamos entrar no que parece un caso puntual; nós calamos por prudencia, tanto o conselleiro delegado de Galaxia coma min. O que preside un órgano colexiado non debe falar por ese órgano». É por iso que se remite ao próximo consello de administración, no que se abordará a dimisión e se avaliará unha resposta a «todo este balbordo innecesario».

Alén desta circunstancia tamén di que sente «moita tristeza pola situación íntima tremendamente difícil á que este despropósito abocou» a Francisco Castro, que, di, «está no seu dereito de tomar a decisión de dimitir». Porén, el segue a consideralo o director xeral de Galaxia: «Eu coñézoo, falei con el, e ben sei como traballa, é —e dígoo en presente— un gran director xeral, sempre o foi, unha persoa absolutamente entregada á súa tarefa».

Vidal Andión si recoñece non ter medido ben a repercusións dunha entrevista que, detalla, a Fundación Praza Pública lle facilitou o 3 de agosto, o mesmo día en que lla trasladou a Castro, que daquela estaba en Londres. Non lle deron importancia, creron que a cousa quedaba aí. «Pero polas redes chegamos a onde chegamos. Un disparate. De repente, sorpresivamente, trocou a magnitude dunha entrevista na que o autor entra no plano persoal con cousas que non son de recibo, ata o punto de seren tremendamente desafortunadas dende o punto de vista humano. As consecuencias son moi desagradables. Estou autenticamente apesadumbrado polas circunstancias nas que se ve envolto Francisco. Galaxia ten pasado por moitos avatares, se fose un problema de tipo empresarial sería preocupante, pero é que... estamos a falar de persoas, non de finanzas».

Entende ademais que todo este ruído prexudica a Galaxia, con esas insinuacións sobre beneficio económico e subvencións públicas: «Galaxia é unha empresa atípica, en máis de setenta anos de historia nunca repartiu dividendos entre os accionistas, e ninguén no consello ten cobrado nunca nada. O posible lucro vai para salarios e para editar libros que ao mellor se venden pouco pero que é moi necesario que cheguen á rúa. E, por certo, tampouco nos debemos ao diñeiro público dunha subvención. Por iso, un pode expresar o seu parecer nunha entrevista pero o mínimo que se pode pedir é que as opinións sexan fundadas», conclúe.