Os Premios da Cultura Galega distinguen a Yolanda Castaño, o Museo do Gravado á Estampa Dixital, a banda Unión de Guláns e PistaCatro

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Yolanda Castaño.
Yolanda Castaño. CESAR QUIAN

Ponte... nas Ondas!, Portocabo, Eduardo Pardo de Guevara e os cursos de verán Galego sen fronteiras completan os oito galardoados

16 oct 2023 . Actualizado a las 17:14 h.

A Xunta fallou este luns os Premios da Cultura Galega, que distinguen «a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural» de Galicia. Os galardóns este ano recaeron en Yolanda Castaño, na categoría de letras; o Museo do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira (artes visuais); a compañía PistaCatro (Artes escénicas); a banda de música Unión de Guláns (música); a produtora Portocabo (audiovisual); Ponte... nas Ondas! (lingua); o historiador Eduardo Pardo de Guevara (patrimonio cultural) e os cursos de verán Galego sen fronteiras (proxección exterior).

O galardón recompensa os case trinta anos de carreira de Yolanda Castaño, «unha poeta activa e dinamizadora literaria que conta cunha longa traxectoria, na que mantivo sobre todo un forte e estreito compromiso coa poesía, en contacto coas máis diversas e novas prácticas poéticas contemporáneas».

Museo do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira.
Museo do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira. CARMELA QUEIJEIRO

O Museo do Gravado á Estampa Dixital «custodia e difunde unha das maiores coleccións de artes gráficas de España e de Europa», na que están representados Goya, Rubens ou Picasso. É unha «peza clave na rede galega de museos» pola súa especialización e traballo de catalogación.

Santi M. Amil

PistaCastro é dende o 2006 «o produtor decano das novas correntes circenses de Galicia e de Galicia para todo o mundo, abrindo novos mercados e creando novos públicos. É, sen dúbida, a compañía e produtora de circo máis relevante das artes vivas en Galicia».

Banda Unión de Guláns.
Banda Unión de Guláns.

A banda de música Unión de Guláns naceu en 1870 e neste 2023 celebra o seu 150 aniversario, adiado por culpa da pandemia. Desta formación «xurdiron recoñecidos músicos tanto a nivel instrumentista como directores e compositores con nomes tan destacados como Roxelio Groba», que «espallados polo mundo adiante, levaron e levan con eles o nome de Guláns, que é sinónimo de música».

Rodaxe da serie «Rapa», unha produción de Portocabo.
Rodaxe da serie «Rapa», unha produción de Portocabo. Movistar +

Alfonso Blanco fundou na Coruña no 2010 Portocabo, «unha das principais produtoras audiovisuais de Galicia, co favor de crítica e público e sempre apoiándose na innovación para anticiparse ás tendencias de mercado». Entre os seus proxectos figuran Rapa, Hierro ou Os fillos do sol.

Actividade de Ponte... nas ondas!
Actividade de Ponte... nas ondas!

Constituída como asociación cultural e pedagóxica en 1995, trátase dunha «iniciativa transfronteiriza que promove o intercambio lingüístico entre centros educativos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal». «Realiza actividades educativas e culturais na procura da promoción da identidade común dos pobos dentro dunha perspectiva xeral de integración europea no mundo lusófono». Unha das súas liñas de traballo inclúe a recuperación e difusión do patrimonio cultural común a galegos e portugueses.

Eduardo Pardo de Guevara.
Eduardo Pardo de Guevara. XOÁN A. SOLER

Eduardo Pardo de Guevara é un historiador galego que se especializou «no estudo da nobreza baixomedieval galega, concretamente na historia social do poder». Foi profesor de investigación do CSIC, director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento entre 1994 e o 2022, e director da revista Cuadernos de Estudios Gallegos. É membro do corpo da Nobreza do Antigo Reino de Galicia.

Asistentes a un dos cursos de Galego sen fronteiras.
Asistentes a un dos cursos de Galego sen fronteiras. XOÁN A. SOLER

Os cursos de verán Galego sen fronteiras, dirixidos a persoas de fóra de Galicia, organízanse dende 1988 por iniciativa da Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta, a Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago. O seu obxectivo é achegar a lingua e a cultura galegas a xentes de diferentes nacionalidades e así contribuír ao seu coñecemento e prestixio. «Pasaron por estes cursos máis de dous milleiros de estudantes e moitos deles son hoxe profesores en diferentes universidades», un esforzo pola proxección internacional da cultura galega.