O poeta fisterrán Alexandre Nerium coordina unha escolma poética que é tributo á muller da escrita e á muller pesca. Preséntase este sábado, na fin do mundo
09 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«Ninguén debera regresar ao mesmo porto tras atravesar esta antoloxía poliédrica», escribe Rosalía Fernández Rial nunha das «contornas» que pecha Aquén do mar. Cantos de serea na luz da fin da terra (Chan da Pólvora). Vén de ver «a raxor do día» esta obra coordinada polo poeta fisterrán Alexandre Nerium, quen hai dous anos alumeaba a tamén escolma Ara do mar. Poesía a Fisterra, e antes outros títulos de seu. «A quen crea todo lle fala [...]. No cabo da terra coñecida, a palabra tórnase canto de serea», escribe tamén Fernández Rial. E Nerium crea e, sobre todo, cre. Cre no Fisterra máis «sentimento» ca punto xeográfico ou estratéxico para a humanidade, que tamén. Mais el desbota todo protagonismo neste «agasallo para a súa xente e para o mundo», como o describe Eva Veiga nas últimas páxinas. Atribúelle o coordinador todo o peso ás oitenta voces de mulleres galegas e do mundo que reuniu neste libro co que trata de reverter un pouco o silenciamento delas na historia. Así o viu xa preciso cando teceu Ara do mar. «Oitenta é un número feminino, ou así mo parece, e por iso oito son tamén as ilustracións», explica Alexandre.
Neste Aquén recolle versos e prosa poética de mulleres en distintas linguas e tempos, dende comezos do século XX ata hoxe, expostas a unha Fisterra que é fin de Camiño, naufraxio, precipicio, rumbo verdadeiro, voz e silencio, son de buguina, ocaso sen tempo; palabras todas dedicadas por Nerium á súa terra. «Este libro é un percorrido polas voces que chegaron a ese límite e, ao tempo, unha homenaxe á muller, a muller pesca, aquela do traballo silenciado, e a muller da escrita, farol que dende sempre guía o mundo», escribe o coordinador. «O primeiro faro da humanidade foron as mulleres», conta sempre cunha cadencia única no seu papel de guía do Museo da Pesca en Fisterra. É por iso que el, particularmente, llo dedica a algunha destas voces xa falecidas que escribiron a Fisterra —Xohana Torres, Sylvia Plath, María do Carme Kruckenberg, Luz Pozo, Luísa Villalta, Julia Casterton, Pura Vázquez—, mais tamén á súa nai, Manuela, que saía a vender peixe cada mañá, descalza, cun paxe cheo de maragotas, pintos ou fanecas á cabeza. Quilómetros e quilómetros de entrega.
Para todas elas vai de xeito especial esta obra, na que máis de corenta das achegas son inéditas, escritas para a ocasión, para esta publicación, algo que, di Nerium, non sería posible especialmente sen Miren Agur, que o contactou cunha ducia de autoras vascas; Eva Veiga, ou Pilar Pallarés, todas «noctiluca» na súa procura destes cantos de serea en torno a todos os «fisterras». Algúns deses versos chegan de premios nacionais, caso de Agur, Pallarés, Marilar Aleixandre ou, máis recentemente, Yolanda Castaño. «Autoras moi grandes» cuxa recollida foi para el «experiencia única e enriquecedora».
Chéganlle de volta boas palabras, mais Nerium asegura: «Non merezo tanto». Agradece o total apoio que tivo de Antón Lopo e Chan da Pólvora para esta publicación, que se espirá ante os fisterráns este sábado, día 11, nunha presentación prevista para as 19.00 horas no salón de actos da fin do mundo, e no que acompañarán a Nerium o propio Lopo, Rivadulla Corcón, Eva Veiga, Rosalía Fernández, Margarita Ledo, Pilar Pallarés, a ilustradora muxiá Viki Rivadulla —unha das presentes en Aquén do mar— e a alcaldesa, Áurea Domínguez. Pon un comezo / ó confín do mundo / Fisterra / que chega ata o ceo, escribe Úrsula Heinze. Cantos de serea perante o magnético abismo.