Hai 50 anos que se editou o Informe —dramático— sobre la lengua gallega, do que eu son autor. Publicouno, en Madrid, Akal Editor, en maio de 1973, na colección Arealonga, que eu dirixía. O mes pasado, a xornalista Ana Abelenda, co gallo do cincuentenario, entrevistoume para La Voz de Galicia, entrevista na que eu insistía no feito de que o libro, redactado en 1972, tres anos antes da morte de Franco, fora «escrito con autocensura». Sempre ten sucedido así. Nunha sociedade onde existe oficialmente a Censura, calquera escritor sabe moi ben que cousas, de dicilas, moverían o lapis vermello do funcionario censor. Aínda que pareza un sarcasmo, os escritores daquel tempo, mesmo os máis entusiastas da liberdade de expresión, colaboraban cos funcionarios que manexaban a temida peneira da Censura.
Eu, daquela, propuña tímidas medidas para impedir ou desacelerar a desgaleguización idiomática, medidas, en moi boa parte, aplicadas moi pouco despois da morte de Franco (1975). Neste case medio século, aquelas medidas, que non foron desfavorables, resultaron notablemente insuficientes. Porque tales medidas —e algunha outra— deberían ser deseñadas, explicadas, asistidas e executadas por unha clase política gobernante comprometida, radicalmente, coa causa do idioma historicamente abafado (radical vén de radix, icis, raíz).
Abonda con ollar o currículum do euskera nestes 50 anos, unha lingua que, pouco a pouco, vai gañando falantes, tamén das clases ilustradas, porque os deseñadores da política lingüística en Euskadi, o PNV, na teoría e na praxe, están á altura do seu compromiso: con emoción e nunca retórico nin litúrxico. En Bilbao, ninguén falaba vasco en 1864, o ano en que naceu Unamuno, que o aprendeu nun caserío da familia. Hoxe, polas rúas bilbaínas, óese euskera mesmo na boca de mozos, netos de galegos emigrantes, que xulgan sinceras e razoables as propostas dos gobernantes autonómicos. De todo isto falo in extenso, sen autocensura, no volume colectivo coordinado por Fernando Ramallo —Como imaxino a situación da lingua galega no ano 2050?, Vigo, 2021—. Hai que volver sobre o tema.