Negro futuro distópico que asfixia a esperanza como alegoría política

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A composición por riba do acabado. O labor de Guerrero móvese nun estilo duro, forte, tinguido de expresionismo, que, cre, vaille moi acaído á historia de Ameixeiras. O uso do branco e negro ofrece láminas moi emocionais e pictóricas, explica, nas que a composición (que evita a viñeta clásica) cobra máis importancia que o propio acabado. A complexa arquitectura da páxina apela, iso si, a un lector adulto. É a primeira vez que Guerrero debuxa un guión alleo.
A composición por riba do acabado. O labor de Guerrero móvese nun estilo duro, forte, tinguido de expresionismo, que, cre, vaille moi acaído á historia de Ameixeiras. O uso do branco e negro ofrece láminas moi emocionais e pictóricas, explica, nas que a composición (que evita a viñeta clásica) cobra máis importancia que o propio acabado. A complexa arquitectura da páxina apela, iso si, a un lector adulto. É a primeira vez que Guerrero debuxa un guión alleo. Xerais

Diego Ameixeiras debuta no cómic con «Os suicidantes» da man de Tomás Guerrero

21 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Di Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976) que o mundo é bastante negro como para que colla desprevido ao lector a negrura do futuro distópico que presenta en Os suicidantes (Xerais), o seu debut no cómic da man do debuxante valenciano afincado en Galicia Tomás Guerrero (1972). E conta que vén de ver un vídeo nas redes dun home na Arxentina, megáfono en man, advertindo de que a participación en protestas contra o Goberno de Milei carrexará (pola vía da identificación) a perda de axudas sociais públicas. Pode haber algo máis distópico? Pode atoparse unha mostra máis tremenda dos efectos das políticas predadoras do neoliberalismo e do control exercido polo poder? Ese universo, no 2051, é o que reflicte esta novela gráfica ambientada en Santiago. Un escenario apocalíptico froito dun réxime económico brutal, que manexa unha tutela absoluta dos cidadáns con fins produtivos cuxa opresión deshumanizadora acaba esmagando as mentes e alenta na xente a angustia e pulsións autodestrutivas. «É unha historia pesimista, escura, pero ten ecos de cousas que están pasando ao longo do planeta. Cando se deseña unha sociedade sobre os únicos obxectivos da economía, a produtividade e o traballo, as cabezas creban. A esaxeración é só un recurso literario» para erguer esta alegoría política na que a esperanza perece por asfixia.

A lectura do relato do uruguaio Horacio Quiroga Los buques suicidantes (1917) está na afastada orixe deste proxecto, no que uns profesionais facilitan a morte das persoas —mediante asasinato— que queren poñer fin a este desacougo estarrecedor, a chamada gran dor, que ocasionan os abusos da tiranía. A razón da existencia destes suicidantes filantrópicos reside no desapiadado castigo que o réxime despótico impón aos achegados de quen optou polo suicidio: garante así a subministración da man de obra (explotada) necesaria para manter a actividade económica. Si, o ser humano reducido a peza produtiva.

Ameixeiras desliza unha trama romántica que se revela como un pequeno espazo de luz no abafante horror do relato. A protagonista, a resistente Marion, loita contra as dinámicas perversas deste universo, nunha historia cuxa poética —aberta, ambigua— pode facer pensar ao lector en que haberá unha segunda entrega.

Tanto Ameixeiras como Guerrero negan que a continuación de Os suicidantes sexa algo premeditado, aínda que non a desbotan. O escritor ourensán levoulle un guión ao ilustrador e a partir del traballaron colaborativamente, de maneira que o desenvolvemento foi orgánico, moi natural. Ambos os dous entendéronse marabillosamente, di Guerrero: «Mentiría se afirmara que foi sinxelo, pero o diálogo con alguén tan creativo e flexible resultou fácil».

«Nisto, son un aprendiz —alega Ameixeiras—. Despois duns primeiros bosquexos, Tomás apoderouse da historia e ata propuxo ubicala en Compostela. Foi un acerto. Eu, ademais, era incapaz de transmutar esa atmosfera opresiva só con palabras, tiña que aflorar nos seus debuxos, que deseguido modificaron un guión que só é unha ferramenta», sinala. «Foron moitos encontros, conversas, cafés... Triunfaron as solucións de conxunto —terza Guerrero—. Non eramos xa un debuxante e un guionista, senón dous creadores. El presentou un guión moi sólido, co que foi doado imaxinar un mundo, e os seus comentarios foron pulindo os deseños». Os seus traballos anteriores xa eran negros de por si, polo que Guerrero moveuse cómodo nese expresionismo seco que transpiran as páxinas do cómic. Todo discorreu moi fluído, di, e percíbese na coherencia da obra.