Un orónimo ilustre: Cairón

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

19 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal topónimo, tal orónimo, dá nome a un monte próximo a Monterroso, vila na que naceron os pais do poeta Lorenzo Varela, pero, desde 2017, centenario do escritor, tamén é a denominación do Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns, do que acaba de saír o nº 7, correspondente a 2023. O feito merece, sen dúbida, ampla noticia e cálidos parabéns.

Por que este boletín de estudos ulloáns se titula Cairón? A pregunta lévanos ao 25 de agosto de 1944, data na que o exército francés reconquistou París, liberou a capital de Francia da lousa nazi. A explosión de entusiasmo, no mundo antifascista, foi xigantesca, tamén na prensa. En Bos Aires, no Correo literario, dirixido por Luís Seoane, publicou Lorenzo Varela, o 1 de outubro, “Ofrenda a los franceses”, poema que, nun determinado aspecto, é o máis orixinal na historia da literatura universal. A miña afirmación é tan abraiante e compromete tanto que cómpre ofrecer unha dilucidación, aínda que breve.

No poema, Lorenzo Varela, antifascista exiliado na Arxentina, amosa a súa inmensa gratitude ás tropas francesas por teren liberado París, faro cultural e democrático de Europa, mais o poeta quere pagar, dalgún xeito, aos soldados franceses, non con diñeiro, que non ten, senón doándolles unha palabra galega, unha voz do seu humus natal, un topónimo de dúas sílabas: «Ya que no tengo nada, os doy esta palabra, / la palabra Cairón, / y en ella, la entraña y los huesos de mi alma».

No número actual de Cairón, no apartado de creación, Paula Carballeira publica a súa peza teatral, inédita, Acto único. Un cabaré do máis normal, sobre a represión ás mulleres na guerra do 36. Na ampla sección de estudos, cómpre salientar, entre outros, o de Carmen Rodríguez de Toro sobre o xinecólogo Bernardino Pardo Ouro, de Chorexe (1916- 1985), introdutor en España da «anestesia epidural no proceso do parto», e as páxinas memorialísticas de Pepe do Xastre. Segue a presidir o Instituto, de tan vizosa actividade, Francisco Pardo Teijeiro, coordina o Boletín o rigor do escritor Daniel Salgado, etcétera. En realidade, Cairón segue crendo que hai que liberar París.