«Idol», de Alba Chan e Ene, gaña o quinto premio de banda deseñada O Garaxe Hermético

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Ene e Alba Chan, autoras do cómic «Idol» (á dereita, unha das láminas do álbum)
Ene e Alba Chan, autoras do cómic «Idol» (á dereita, unha das láminas do álbum) Xerais

O álbum, que toma o título dun «talent show» musical no que participan dúas amigas, as protagonistas da obra, é unha historia xuvenil narrada graficamente desde un estilo achegado ao manga xaponés e no que vibran as ondas do K-pop coreano

22 ene 2024 . Actualizado a las 17:08 h.

As estudantes pontevedresas Alba Chan e Ene gañaron a quinta edición do premio de banda deseñada O Garaxe Hermético coa súa obra Idol, que o selo Xerais publicará na próxima primavera. Integrado por Miguel Porto, Fernando Llor e Kiko da Silva, por parte do Garaxe Hermético, e Anaír Rodríguez e Fran Alonso, en representación da editorial, o xurado enxalzou a capacidade de conexión que ten o cómic para «empatizar co lectorado adolescente e visibilizar os seus gustos, problemas e ansiedades».

O álbum, que toma o título dun programa tipo talent show musical no que participan dúas amigas, as protagonistas principais da obra, é unha historia xuvenil narrada graficamente desde un estilo achegado ao manga xaponés e no que vibran as ondas do K-pop coreano.

Ademais da capacidade de conexión do propio tema escollido polas autoras, o fallo destaca o excelente tratamento da cor, moi elaborado, a interrelación que se establece entre o tema da música e a ilustración, así como a presenza de viñetas nas que a composición dá lugar a imaxes moi gráficas das actuacións musicais das protagonistas, así como dos seus estados de ánimo.

Alba Chan e Ene residen en Pontevedra e son alumnas de terceiro curso profesional de Banda Deseñada na escola O Garaxe Hermético.