Pablo J. Rañales: «Falo en galego desde os 21 anos; tiven que marchar para entender as raíces»

CULTURA

O xornalista e escritor presenta este venres na súa terra o libro «Os afogados», no que reflexiona sobre a relación do home coa natureza
26 ene 2024 . Actualizado a las 10:28 h.Pablo J. Rañales (Mugardos, 1999) celebra no momento desta entrevista [a conversa tivo lugar este xoves] o seu aniversario. O xornalista e escritor sopra 25 candeas, cos éxitos do seu último libro, Os afogados (Editorial Galaxia), que presenta na tarde deste venres, ás 19.30 horas, no Casino Mugardés. Con el está Malores Villanueva, editora e coordinadora do premio Illa Nova, que o autor vén de gañar no 2023 o propio Rañales cunha obra que navega pola relación humana coa natureza e polos discursos de odio a partir da irrupción duns seres antropomórficos.
—Chega a Mugardos cos nervios de estar cos veciños ou como profeta na súa terra?
—Desde que empecei a lanzar as miñas novelas aprendín que a escritura é solitaria..., pero a literatura é unha celebración colectiva moi bonita. Cando vou polas rúas de Mugardos ou Ares, recibo o apoio dos veciños: os que saben que escribo non deixan de pararme para pedir que continúe escribindo. Provócame alegría que a literatura faga que medre o orgullo nas vilas. E para esta presentación agardo unha celebración colectiva do Illa Nova. Escribo grazas ao apoio de xente que envía mensaxes pedíndome que non perda a ilusión.
—Trátase da súa primeira obra en galego, lingua á que chegou como neofalante tras ir a Praga.
—Falo galego desde os 21 anos; tiven que marchar para entender as miñas raíces. Praga pasou por moita represión por parte do imperio austrohúngaro, os nazis, os comunistas... E quizás por iso os checos teñen unha relación moi próxima coa súa cultura, valoran os seus propios escritores e pintores. Deime conta de que eu non era capaz de citar a dez escritores contemporáneos galegos ou dez pintores da miña terra. Existía un baleiro, e, tras pasar por Praga (nun Erasmus), cambiou a miña relación co galego.
—E desde entón fala en galego?
—Antes falaba en castelán. E o neofalantismo está en desenvolvemento, porque hai contextos onde me resulta máis difícil falar en galego: coa miña familia sempre falei en castelán, ou cos amigos da vila. Pero a miña carreira profesional xa a desenvolvera en galego. E agora só me faltaba a literatura. Tamén aos 21 anos acababa a carreira de Xornalismo na Universidade de Santiago, e nacía o proxecto Carretando, sobre política galega e en galego.
—Galicia ten unha tradición moi rica en fantasía. Vostede segue por ese camiño do mitolóxico..., pero tamén falando de ciencia?
—Tiña a obsesión de traballar en tres xéneros: fantasía, ciencia ficción e terror. A fantasía conecta co público que necesita evadirse, a ciencia ficción debe abordar a relación coa natureza nun mundo tan tecnolóxico, e o terror en Galicia fálanos de medos colectivos. Os afogados nace dun feito fantástico, pero todo o libro se estrutura sobre a reflexión do futuro que queremos. Quería falar da relación do ser humano coa natureza e perverter a ciencia ficción, porque o alleo non procede dun alieníxena neste caso, senón da natureza que coexiste contigo.
—A chegada dos pélets ás costas galegas fai que «Os afogados» cobre un novo sentido?
—Houbo quen leu a novela antes da crise dos microplásticos e que con estes feitos se acordou do libro, ou que, ao ler Os afogados despois, se acordou dos pélets. O libro fala dunha invasión e de tres formas de actuar ante un impacto na natureza: o militarismo ou xestión burocrática á defensiva, a análise científica para un entendemento, ou a reacción de solidariedade e coidado con estes seres. E, cos pélets, tamén parte da sociedade amosou un desexo de coidado da natureza.
—O feito de ser xornalista inflúe na súa narrativa?
—Na novela emprego diferentes formatos xornalísticos para algunhas páxinas, pero son linguaxes moi distintas.
—Que impulso dá acadar o Illa Nova de Narrativa?
—Alixeira o diálogo que tiña comigo, saquei os meus micromedos sobre ata que punto tiña unha base sólida para dedicarme a isto.
—A súa obra tamén reflexiona sobre os discursos de odio. Inevitable atopalos nas redes?
—As institucións públicas tamén deben responsabilizarse, porque xa non é un asunto individual, ademais das empresas que xestionan as redes. Porque o algoritmo tamén suma os comentarios e likes nos discursos de odio, a responsabilidade é de quen favorece o algoritmo.
—E iso de introducir a existencia doutras especies ou civilizacións no fondo do mar?
—A novela parte da figura dunha muller de area que evoluciona ata os afogados: seres sen xénero para abrir a nosa mente. E tamén sobre o feito de que os humanos coñecemos mellor a lúa que as zonas abisais.