Xerais lanza este xoves «Abonda con vivir», a biografía da poeta escrita por Montse Dopico

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), retratada nunha praia.
Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), retratada nunha praia. Arquivo Familiar | RAG

A xornalista serve unha biografía «feita con retallos da memoria que gardaron de Luísa persoas que formaron parte da súa rede afectiva», sinala o editor

31 ene 2024 . Actualizado a las 22:45 h.

O selo vigués Xerais prosegue coa súa notable achega á celebración do Día das Letras Galegas 2014, que homenaxea desta volta á poeta, filóloga e violinista Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004). Este mesmo xoves leva ás librarías Abonda con vivir, un título obra da xornalista Montse Dopico (A Pontenova, 1977), que debuta como escritora con esta biografía «feita con retallos da memoria que gardaron de Luísa persoas que formaron parte da súa rede afectiva», sinala o editor. Este traballo de carácter ensaístico quere ser «unha análise literaria, sociolóxica e histórica que percorre todas as mulleres que foi Villalta», ademais de servir ao lector «un diálogo, con forma de reportaxe, coas súas amizades para tentar explicar quen era Luísa e por que escribiu o que escribiu».

Abonda con vivir súmase a outras tres obras recentemente publicadas por Xerais arredor da biografía e a traxectoria de Villalta, asinadas por María Canosa, Eli Ríos, Beatriz Maceda e Xurxo Souto. Dende o pasado decembro están xa nos escaparates Luísa Villalta. Melodía de palabras (Canosa) e Luísa Villalta. Alma de violino, (Ríos e Maceda, que ilustra Laura Suárez) pensados para que os máis pequenos coñezan a obra e o legado da escritora. Xa en xaneiro apareceu Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta, un libro de Souto en que explica o vínculo entre a poesía e a música a partir da formulación da homenaxeada.