Monumento para un exiliólogo

CULTURA

Xesús Alonso Montero, Manuel Aznar Soler, Isaac Díaz Pardo e Xosé Luís Axeitos, nunhas xornadas sobre Lorenzo Varela, no ano 2005.
Xesús Alonso Montero, Manuel Aznar Soler, Isaac Díaz Pardo e Xosé Luís Axeitos, nunhas xornadas sobre Lorenzo Varela, no ano 2005. Sebas

04 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Acabo de recibir un groso volume de estudos e ensaios literarios (850 páxinas) tan sólido como conmovedor: sólido pola súa densidade intelectual e pola inmensa e necesaria erudición, e conmovedor porque expresa, ben ás claras, o compromiso auténtico do autor coa literatura da Segunda República e do exilio español de 1939. Trátase dun monumental volume do profesor Manuel Aznar Soler (Valencia, 1951) titulado Estudios y ensayos. Literatura, teatro y política en la España contemporánea (siglos XIX-XXI), publicado pola Biblioteca del Exilio da editorial Renacimiento (Sevilla), co gallo da xubilación, no ano 2021, do catedrático de Literatura Española Contemporánea da Universitat Autònoma de Barcelona.

Cómpre aclarar que o grosísimo volume constitúe unha moi breve escolma dos estudos do profesor Aznar Soler, feita, con admiración e agarimo, para esta ocasión xubilar (e en segredo), por profesionais moi vencellados a Manuel Aznar, nove profesores pertencentes a Gexel, ou sexa, o Grupo de Estudios del Exilio Literario fundado polo propio Aznar Soler (Universitat Autònoma de Barcelona, 1993) e por el dirixido ata o 2021, ano da súa xubilación (administrativa). Tamén contén este sólido e conmovedor corpus páxinas sobre a bohemia literaria, Valle-Inclán, a literatura de posguerra e o teatro contemporáneo. Cada un dos cinco grandes capítulos que compoñen o volume está prologado por un especialista na materia: Carme Aladern fai o limiar de Del realismo a las vanguardias, José Sanchís Sinisterra o de Teatro y Democracia... Conta o traballo cun longo estudo preliminar do profesor José Ramón López García, na actualidade director do grupo Gexel e un excelente estudoso da poesía do noso Lorenzo Varela: Historia, resistencia y memoria. Notas al itinerario crítico de Manuel Aznar Soler.

Entre os traballos escolleitos para esta publicación de homenaxe figuran páxinas relevantes sobre Rafael Dieste, autor a quen un rapaz chamado Manolo Aznar, aínda alumno universitario, entrevistou no seu Rianxo natal. Foi Aznar, tempo despois, quen puxo o nome literario de Dieste no mapa extrahispánico.