Era un dos mellores

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

16 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai que falar, nestas datas, de Xesús Campos, de Chichi Campos, do gran Chichi, o hipocorístico co que tantos, eu entre outros, o lembramos e o levamos no corazón. Breve foi a súa vida (1952-1991), maxistral a súa obra de comunicador desde as premisas do humor. Cando nos deixou, eu escribín, para La Voz de Galicia, un artigo co título que agora reitero: «Era un dos mellores».

Hoxe fálase da súa obra porque alguén tivo a acertada idea de dedicarlle este ano o Día da Ilustración, esa festa que os artistas celebran en Galicia o 30 de xaneiro. Con tal motivo inaugurouse na Cidade da Cultura unha mostra desta faceta súa, a de ilustrador de libros e, sobre todo, de revistas, unha inesquecible, a titulada O carallo vintenove, da que el era editor, impresor, ilustrador e único autor literario. Co gallo da exposición da Cidade da Cultura, a Xunta reeditou un celebérrimo libro seu: Estampas do mundo elegante.

Pero de Chichi Campos, o artista e o ser humano, hai que falar sempre. De feito, un ano despois do seu pasamento, crédulos e incrédulos visitaron engaiolados a mostra da súa obra no Museo do Pobo Galego (Santiago). Tamén eu colaboro no catálogo cunha Epístola laudatoria para Xesús Campos, versos nos que me propuxen salientar, na súa biografía, dous trazos: que foi bo e xeneroso por intelixente e que foi «vítima dun tempo escuro e duro».

Bo e xeneroso xa o era desde moi mozo. Daquela tiña a cultura dos vellos, a agudeza dos novos, a sagacidade dos desconformes e a graza intelectual dos escolleitos. Supoño que xa de neno militaba no partido da descanonización, e nese partido, con ou sen carné, militou sempre. Como intelectual, nunca foi un intelectual serio, porque, na súa intelixencia de artista, as musas que predominaban eran as da rexouba e as do ferrete, se ben, acotío, cun aguillón comprensivo.

Militou, desde moi novo, no Partido Comunista, e, desde 1977, ante os pobres éxitos electorais e a prosaica deriva política da sociedade, aquel cidadán bondadoso, ledo, optimista e moi crítico, foi vítima dunha decepción radical que o desnortou mesmo no seu vivir cotián.