
Na súa segunda edición, o festival Emigrason de Bruxelas confírmase como un punto de encontro de bandas do país cunha especial pegada emocional
12 mar 2024 . Actualizado a las 18:47 h.«Foi unha quentada», admite Mateo González. Xunto a outros seis galegos —Cristina Amosa, Gara López, Karan Novo, María Dios, Ángel Estévez e Claudia Pablos— desafiaron a lóxica e o aparentemente imposible. Converteron Bruxelas nun lugar privilexiado para a música en galego. «Karan estaba no Resurrection Fest de Viveiro e mandoume un WhatsApp: E se traemos bandas galegas a tocar a Bruxelas? Eu díxenlle se estaba toleando», lembra Mateo. Daquela mensaxe xurdiu o Emigrason, un festival que celebrou a súa segunda edición na capital belga cun éxito desbordante.
«Esta foi a mellor excursión de fin de curso da miña vida», dicía Nuno Pico, do grupo Grande Amore, cando se dispoñía a entrar no avión de volta. «O que se vive no escenario é moi forte, ides flipar», comentaba aos compañeiros Catuxa Salom ao rematar o seu concerto. «E que aquí todo o mundo rema a favor, dende a organización ao público, e nótase. Isto é impresionante», sinalaba Samuel González, de The Rapants. Todos quedaron abraiados polo que viron e sentiron alí: unha sala chea de xente con lume no peito cantando todas esas cancións como os himnos da súa vida.

«E que para os que estamos fóra de Galicia ver estes grupos aquí é moi importante», xustifica Gara López. Foi o que intuían cando puxeron o proxecto en marcha, a finais do 2022. Todos estes mozos proceden de diferentes localidades da provincia de Pontevedra e a maioría estudaron en Santiago. Hoxe teñen entre 25 e 30 anos e traballan en institucións na órbita da Unión Europa. «Por iso coñecemos a Ana Miranda e Nico González [eurodeputados do BNG e PSOE, respectivamente] e lles preguntamos como vían o do festival —rememora Mateo—. O Parlamento ten unha subvención para visitas. Así cubririamos o avión e o hotel dos visitantes, como fixemos o ano pasado. Vimos que podiamos tirar de aí. Logo, empezamos a petar en diferentes portas e falar cos grupos. Preguntaban quen eramos, non sabían nada de nós. Como ofreciamos unha viaxe a Bruxelas con gastos pagos, moitos viñeron. Pero o salto de calidade dado nesta segunda edición non sería posible sen a colaboración da Xunta de Galicia, que colaborou directamente dende Galicia e a través da súa oficina en Bruxelas».
Na primeira edición estiveron Familia Caamagno, Fillas de Cassandra, Berto, Filloas e The Rapants. Nesta, repetiron The Rapants e debutaron Catuxa Salom, Ataque Escampe, Aldaolado, Grande Amore e Lontreira. Faber Cores, o manager dos últimos, é un veterano da industria musical e cultural galega. Non podía ocultar a súa sorpresa: «O público aquí está a morte desde o primeiro artista, pero dunha maneira que no se ve normalmente. Para un músico que vai tocar fóra, encontrarse con algo así é tremendo. O que fixeron este rapaces ten moitísimo mérito». Álex Charlón, de Ataque Escampe, unha banda con máis de dúas décadas de traxectoria, tamén debuxaba admiracións no seu rostro: «Trátannos como familia. Iso afecta a todos os grupos. Tocas con máis ganas, hai máis emotividade, e gañamos todos. Isto foi todo un descubrimento».

Temas seus, como Segunda división e Festa maladrómica, flotaron na sala Tricorette alzados polo fervor do público. O mesmo que literalmente sostivo a Nuno Pico en plan crowd-surfing berrando Esa pena que ás veces teño sobre un coro de centos de entregadas persoas. A xente que tamén levou polo aire un home de máis de 60 anos exultante polo que estaba a suceder. «Non o coñecía de nada», asegura Nuno.
No Emigrason quedou constatado iso de que as cousas fóra séntense aínda con maior intensidade ca na casa. A alquimia lograda por estes sete magníficos á marxe do lucro, permitiu que, tanto en Tricorette coma no Instituto Cervantes e o Centro Cultural García Lorca, se escoitase galego en todas as súas variantes. Tamén que lucisen en harmonía fachendosas camisolas do Celta e do Dépor. E que a música galega de onte e de hoxe fose un nexo de unión cuxa dimensión social e emocional indubidablemente transcende un mero festival. E todo iso por «unha quentada».
«Viñemos dende a República Checa, isto é tremendo»
Polos datos de que dispoñen os organizadores da venda de entradas, no Emigrason estiveron persoas de 13 países diferentes. Trátase de galegos espallados por media Europa. Non o dubidaron en canto se puideron comprar as entradas. «Temos xente de Polonia, Grecia, Holanda, Suíza, Luxemburgo, España, Portugal... As entradas esgotáronse en só 15 minutos», subliña Karan. Iso non é unha chamada a ir a espazos maiores? «Depende de a quen llo preguntes», ri Mateo. «Isto é moi complicado de facer, hai que pensalo», comenta María Dios. É que, ademais de ter que abonar 7.000 euros polo aluguer dun aforo de 400 espectadores (cifra disparatada comparada co que custa en Galicia un espazo similar, que non alcanza os 1.000), se encargaron de que non lles faltase de nada a una expedición de 40 integrantes. «Non tiñamos ningunha experiencia e fomos aprendendo sobre a marcha», indica Karan.

Os asistentes validaron todo con suor, euros e tamén quilómetros. «Viñemos dende a República Checa, isto é tremendo», indicaba Iván Fuentes, natural de Poio. Acudiu ao concerto con Hugo Méndez, de Salvaterra do Miño. E Carlos de Castro, de Pazos de Borbén. «Sabiamos o do ano pasado e queriamos vir. Xa na foliada —celebrada na primeira xornada con Alumea— alucinamos. Estar en Bruxelas con gaiteiros e pandeireteiras foi incrible», dicía. Iván sentiuse moi emocionado: «É que algo tan sinxelo como poder pedir unha copa en galego é como irreal». Carlos engadía: «Vas falar en inglés e dinche: “Non, en galego”. Flipoume estar aquí tratando con xente que igual estamos a 20 ou 30 quilómetros alá, e mira onde nos imos coñecer».