Celso Emilio contra os fazais

CULTURA

12 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Acaba de saír O cabronario, un volume de Celso Emilio Ferreiro (1912-1997) que recolle 48 poemas nos que o autor nos ofrece páxinas da súa musa satírica contra canto fazai (no sentido amplo) facía e desfacía na era de Franco. Algunhas, nese xénero, o da sátira, son excelsas: contra Franco, contra o rei, contra Carmen Polo, contra o Opus Dei...

Antolóxico é o soneto «Ante un retrato» desde o comezo: «Este que veis aquí, Paco del Pardo, / por la gracia de Dios tirano abyecto, / careta de Caín pluscuamperfecto...».

Publicouse esta colectánea, co título O cabronario. Poemario de resistencia 1950-1973, na editorial Mundo Detrás del Marco (Vigo) cun limiar de Xabier Ferreiro, fillo do poeta. Entre nós xa se sabía que a de Celso Emilio era a musa satírica máis brillante e lapidaria da poesía galega moderna, unha musa que nos fai pensar en aguillóns tan afiados como o de Quevedo, que non ten par na poesía española. Cómpre agradecer, pois, á editora e ao prologuista este labor compilador.

Tamén cómpre sinalar que todos estes poemas circularon naqueles anos escuros, como anónimos ou pseudónimos, en libros e folletos clandestinos e, tamén, en follas soltas mecanografadas. Pero hai un poema, «Soneto a R.R.» (na páxina 149), do que cómpre lembrar a súa historia editorial, xa contada por min no prólogo dun libro meu: Coroa poética para un mártir. 35 poemas á morte de Alexandre Bóveda (Xerais, 1996).

Publicouse este soneto nunha revista legal, Alba, en pleno franquismo (Vigo, 1951, n.º 8) co título «Espero» e coa dedicatoria «Para R.R.». Entre os amigos do autor era un secreto a voces que R.R. era Ramón Rivero de Aguilar, de triste sona como fiscal na praxe xurídica daqueles anos (el foi o fiscal do xuízo que condenou a pena de morte a Bóveda). O título «Espero», omitido no Cabronario, ten sentido se se le con atención o último terceto: «Por lo demás, todo esto es muy sencillo: / sentarse y esperar. Es cosa cierta / que pasará su entierro por mi puerta» (a nova edición ten variantes). Por certo, o execrado xurista, Ramón Rivero de Aguilar, faleceu, en accidente de avión, en maio de 1975.